OurenseÚltima hora

Diminúen nun 12,8% as infraccións penais no ano 2020 no concello de Ourense

Na Xunta Local de Seguridade, o subdelegado do Goberno informou do incremento de doce efectivos da Policía Nacional para labores de investigación

Xunta Local de Seguridade do concello de Ourense.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio. O subdelegado do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten “un descenso do 12,8% na cifra de delitos cometidos no ano 2020 no municipio de Ourense”. Entre os meses de xaneiro e decembro rexistráronse un total de 3.691 infraccións penais neste concello, mentres que no mesmo período de 2019 foran de 4.231.

Emilio González sinalou que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais no concello de Ourense reduciuse nunha porcentaxe moi importante, aínda que o 2020 foi un ano atípico no que a seguridade tamén se viu condicionada pola pandemia da COVID-19”. Así, informou de que destaca a diminución dos delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias nun 41,2%; dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual nun 7,4%; das agresións sexuais con penetración nun 40%; dos roubos con forza en domicilios nun 29,9%; e dos furtos nun 37,2%.

Igualmente, o subdelegado do Goberno informou durante a reunión do incremento de doce efectivos de Policía Nacional que realizan labores de investigación na comisaría provincial dende que se produciu o traslado da sala do 091. “Con esta medida, que pretende optimizar os recursos, Ourense conta con máis policías na rúa e nos traballos de investigación, permitindo mellorar sensiblemente os operativos que velan pola seguridade dos ourensáns”, sinalou González Afonso.

 

Algúns dos asistentes á reunión.

 

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican un descenso do 11,11% no número de casos activos no sistema VioGén con respecto ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada no mes de decembro, pasando de 180 casos activos a 160. Deles, 2 presentan risco alto, 6 risco medio, 49 risco baixo e 103 risco non apreciado. En canto ao seguimento dos casos activos, 97 son asignados á Policía Nacional, 20 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 43 á Policía Local.

No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Policía Nacional, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas. Destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero, estanse a retomar de xeito telemático.

Á reunión, que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno, tamén asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez; a intendente da Policía Local, María Barrera; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Mª Alida Iglesias Gil; así como representantes das federacións e asociacións de veciños.

Artigos relacionados

Back to top button