ConcellosÚltima hora

Diminúen os delitos contra o patrimonio e as persoas no Barco de Valdeorras

A xunta local de seguridade reuníase no Concello na mañá do 22 de abril

A día de hoxe O Barco de Valdeorras “é unha cidade segura, de feito é unha das máis seguras que temos neste momento”. Así de taxante se amosaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alonso, trala reunión anual da xunta local de seguridade mantida na mañá do 22 de abril no Concello.

Na mesa estiveron presentes as partes implicadas (subdelegación do Goberno, Policía Local, Garda Civil e Consellería de Vicepresidencia) e o alcalde barquense Alfredo García, ratificaba o dato asegurando que os resultados da comparativa entre o 2017 e o 2018 “son bos, sen matices”, algo que se percibe na rúa. “No Barco non hai ningún tipo de alarma social porque non hai motivos e iso é debido fundamentalmente a que somos un pobo tranquilo que quere gozar da tranquilidade, pero tamén porque os corpos e forzas de seguridade están cumprindo ben o seu traballo, hai presenza activa e polo tanto iso fai que os delitos, diminuíran en xeral estando ademais a un nivel moi alto de esclarecementos, que tamén é importante”.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García e o subdelegado do Goberno, Emilio González.

 

Segundo os datos obtidos tralo estudo, en canto a patrimonio en 2017 detectáronse 69 delitos e este ano 63; en canto ás persoas baixaron de 29 a 22; e en canto a casos investigados subiron de 100 a 118. “Con respecto a esclarecemento de delitos hai unha porcetaxe un pouco inferior pero estamos en torno ao 45% en delitos leves co cal o resultado en canto a seguridade é positivo”, asegura o subdelegado, destacando que en canto a violencia de xénero, neste momento hai 12 casos activos dos cales o risco non apreciado é de 8 e baixo, 4. “7 veñen do 2018, 2 do 2017 e 1 do 2016, ademais vaise intensificar a coordinación entre o CIM, Policía Local e Garda Civil e proximamente procederase dende a unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación para renovar o convenio de colaboración e aí trataranse todas as cuestión pertinentes”. González Alonso incidiu ademais na importante de facer extensible ao medio rural campañas de información e maior sensibilidade porque “estamos detectando que esas mulleres son as que están máis desinformadas e máis desprotexidas, polo que imos potenciar este tipo de iniciativas para conseguir maiores niveis de protección e erradicación deste tema”.

O alcalde do Barco pola súa banda, destacou que ademais de diminuír os roubos e delitos contra as persoas “subiron as infraccións administrativas (delitos de menudeo da droga, falta de respecto ás forzas de seguridade,…) e iso quere dicir que hai presenza policial sobre todo nas fins de semana nos lugares nos que ten que habela, e iso evita delitos posteriores e iso é positivo”, lembrando que o nivel de coordinación entre a Garda Civil e a Polocía Local “é agora mesmo óptimo”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button