En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Din que os lobos son malos, pero eu estou vivo grazas a eles”

Marcos Rodríguez Pantoja contaba a súa “Vida entre lobos” nunha charla incluída no ciclo De Perto, no Barco

Criouse en liberdade, convivindo coa natureza na Serra de Cardeña (Córdoba) e acollido por unha manda de lobos. Orfo de nai, con 7 anos Marcos Rodríguez Pantoja comezou a coidar un rabaño na Serra de Cardeña (Córdoba), xunto a un cabreiro, que falecía un ano despois. A partir de aí, comezaba unha historia de supervivencia, de descubrimentos e dunha especial comunicación cos animais que el considera “a etapa máis feliz da miña vida”. Contábao en primeira persoa aos seus 72 anos na charla-coloquio titulada “A miña vida entre lobos”, coa que enchía a Sala Julián Trincado da Casa Grande de Viloira (O Barco) no marco do VI De Perto. Acudía acompañado polo ecoloxista Xosé Santos.

“Teño tres vidas”, dicía cun doce acento andaluz e aderezando o relato da dureza das súas vivencias cun sentido do humor moi especial. A primeira delas remataba cando deixaba a casa familiar da que garda un amargo recordo, logo, na serra, iniciaba unha vida na natureza que aínda añora e que remataba cando cuns 18 anos, en 1965, era descuberto no monte por un cazador. A partir de aí regresaba á sociedade, o que supuxo un duro revés para el e un difícil proceso de adaptación.

Rodríguez Pantoja centrábase de xeito especial na súa abraiante convivencia cos lobos. “Din que os lobos son malos, pero non o son, nós somos os malos. Se eu estou vivo é grazas aos lobos e aos animais”. E describía, detalle a detalle, como entrou na manda de lobos coa que se criou na serra. “Nunha lobeira había uns cachorros, metinme dentro e quedei durmido con eles. Ulía igual que eles e estaba envolto en barro. Veu a loba e o lobo macho cunha res, víronme alí e déronme coa pata, eu aparteime pero nun puiden saír da cova. Entón a loba comezou a partir anacos da res entre os cachorros. Como tiña fame, quiteille un anaco a un deles e entón empezou a oulear e a loba veu e arrebatoumo. De seguido, a loba cortou outro trozo e deumo, eu non quixen collelo pensando que me ía a facer dano, pero como os animais son moi listos, foimo achegando coa pata. Collino, leveino despazo á boca mentres a loba non deixaba de mirarme e comín a carne. Nese momento volveu achegarse, sacou a lingua e lameume todo o sangue que tiña na boca. Abrazouse a min e deume o que eu necesitaba, agarimo e eu tamén me abracei a ela e comecei a bicala”.

 

Marcos Rodríguez durante a súa charla no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Explicaba tamén como, por casualidade, descubriu que podía facerse lume con dúas pedras e, a partir dese momento, empezo a asar a carne. “Os lobos tíñanlle respecto ao lume”. Tan intensa era a súa relación cos lobos que, cando se sentía en perigo, chamaba cun berro moi especial pola súa “mai lobo”. E así o demostraba durante a charla, emitindo un son moi forte xuntando as mans e deixando saír o aire da súa boca de xeito característico e con diferente intensidade.

Marcos Rodríguez aprendeu tamén a linguaxe doutros animais da serra como o dos zorros, as serpes ou as aves. Con eles sabe comunicarse emitindo sons usando follas como a dos porros, e así o amosaba tamén na súa intervención. “A natureza dao todo e iso non o sabe moita xente, como desapareza a natureza, desaparecerán a metade das persoas”.

Ademais narraba a súa chegada a Ourense, da man dun amigo Manuel, ao que Marcos Rodríguez lle chamaba “xefe” e co que conviviu moitos anos ata a súa morte. Agora vive nunha casa prestada que está construíndo nunha aldea de Ourense. Di que a súa volta á vida entre os humanos supuxo para el un “inferno”, pero nel tamén atopou a xente boa que lle axudou. A súa historia ten sido levada ao cine no 2010 polo director Gerardo Olivares no documental “Entre lobos” e na tarde do 4 de xullo os valdeorreses tiñan a oportunidade de escoitala da súa boca. “Hai moi poucas experiencias como a súa no mundo coñecido”, matizaba Xosé Santos.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button