OurenseÚltima hora

O director de efectos especiais de “Relatos Salvajes” impartirá un masterclass no 22º OUFF

Ransenberg tratará os tipos de efectos especiais físicos que existen a través dos visionado de fragmentos de películas e analizará a súa creación

 

Federico Ransenberg./ Foto: OUFF.

A formación será outro dos eidos nos que se incidirá no 22º Festival de Cine Internacional de Ourense. Neste senso contarase con figuras como Federico Ransenberg, profesional do sector audiovisual coñecido polo seu traballo de efectos especiais en filmes como “Cien años de perdón” ou “Relatos Salvajes”, que impartirá unha masterclass de SPFX físicos para adultos. O obradoiro, concibido para profesionais e estudantes do medio cinematográfico, será gratuíto e desenvolverase o próximo sábado 21 de outubro en La Molinera (Ourense).

Nel, Ransenberg tratará os tipos de efectos especiais físicos que existen a través dos visionado de fragmentos de películas e analizará a súa creación. O obxectivo do docente “é ofrecerlle aos asistentes ferramentas para avaliar os efectos especiais, tanto dende o punto de vista técnico coma no relativo a outras áreas como a dirección, a realización, a iluminación, a arte ou a produción”, segundo a organización do 22 OUFF. Os interesados e interesadas en asistir poden solicitar xa mesmo a formalización da súa inscrición (que será por orde de petición) enviando un correo a formacion@ouff.org .

A oferta formativa incluirá asemade outras actividades pensadas para os máis novos.”Os nosos cineastas do futuro poderán aprender que é un efecto especial e a importancia do punto de vista e os recursos cinematográficos á hora de crealos, a levar a cabo unha curtametraxe ou adentrarse no mundo da dobraxe audiovisual”, adiantan dende o festival ourensán.

Ademais, o Museo Provincial de Ourense acollerá a partir do próximo 19 de outubro a exposición “Xoguetes de cine”, comisariada tamén por Ransenberg. A exposición estará integrada por obxectos baseados en antigos xoguetes cinematográficos do século XIX reformulados con tecnoloxía actual. Na mostra, o creador proporá a “reelaboración de dous tipos de zootropos e fontes máxicas que permitirán o visionado simultáneo a múltiples espectadores en visión de 360º”.

Artigos relacionados

Back to top button