ConcellosÚltima hora

Diversas actividades no programa de verán en Xunqueira de Ambía

Presentouse onte, día 6 de agosto, no Pazo Provincial de Ourense

O programa de actividades deportivas e culturais de Xunqueira de Ambía, foi presentado onte, 6 de agosto, polo alcalde José Luis Gavilanes; a concelleira de Cultura, Covadonga Suárez; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; e o comisario da exposición “Órgano, música e natureza”, Baldomero Moreiras.

 

Durante a presentación.

 

O máis destacable deste programa é a XXX edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga. O ciclo, “único do país que leva 30 anos a celebrarse ininterrompidamente”, como explicaba José Luis Gavilanes, terá lugar na Colexiata Santa María a Real, ás 20:00 horas, e aglutina catro concertos que se celebrarán os domingos. Comeza o 18 de agosto, con Rui Paiva; o 25 de agosto continuará Abdelaziz Samsaoui, Ins Árabes e Marisol Medive; o 1 de setembro será a quenda para o dúo la Oropéndola; e pecharán esta edición os titulados de Órgano do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, o día 8 de setembro.

Ademais deste ciclo, tamén terá lugar o IV curso de Contos pintados con música, “no que 30 alumnos perfeccionarán a súa pericia para tocar instrumentos de corda e de vento e logo realizarán concertos en diferentes municipios ourensáns”, explicou o alcalde de Xunqueira de Ambía. Así mesmo, celebraranse unha serie de catro concertos que teñen como obxectivo atraer a Xunqueira visitantes e peregrinos que realizan o tramo do camiño de Santiago que atravesa o municipio.

Así mesmo, en materia deportiva, presentouse a andaina “Camiña e coñece”, que terá lugar o 10 de agosto e  a cal recupera camiños para destacar o patrimonio paisaxístico e etnográfico.

Por último, os coches antigos encherán Xunqueira de Ambía na IV concentración de coches antigos fabricados entre os anos 1 900 e 1 969, que se celebrará o 17 de agosto. Os días 24 e 25 de agosto terá lugar a VI Subida de Xunqueira de Ambía.

Artigos relacionados

Back to top button