ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Diversidade e tradición na celebración do Día da Muller Rural en Trives

Os actos incluían unha homenaxe á cantora Ludivina Pérez, natural de Soutelo (Manzaneda)

 

Cantos de seitura, de vendima e mesmo de fiadeiro soaban na tarde do 15 de outubro no Auditorio Julio Vázquez de Trives. Nel celebrábanse os actos polo Día Internacional da Muller Rural, que nesta ocasión Trives adicaba á diversidade no rural.

O programa, promovido polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Trives, comezaba ás sete da tarde coa intervención da concelleira de Igualdade, Cristina Paz, que sinalaba que “o rural é o gran esquecido e ninguneado, onde só veñen facerse a foto” e resaltaba que o “gran capital dese rural son as mulleres. Na nosa comarca somos o motor do noso micromundo, coa cabeza, coas mans e co corazón”.

Deseguido, a responsable do CIM de Trives daba paso á primeira das actuacións da tarde, da man de tres cantareiras locais: Blandina de Cotarós, Fiuca de Sanfiz e Dina de Vilanova, que interpretaban diversas pezas tradicionais. Ademais rendíaselle unha homenaxe póstuma a Ludivina Pérez, “a maior cantora de cantos de seitura”, natural de Soutelo (Manzaneda).

 

Asistentes á celebración en Trives.

Arredor das oito comezaba un faladoiro centrado na diversidade no que catro mulleres do rural con diferentes perfís e orixes contaban a súa experiencia persoal e profesional: Marian Dorta (Venezuela), Darija Cz (nada na antiga Checoslovaquia), Violeta Torres e Gloria Chamorro.

Ademais estaban previstas actuacións de danza oriental, baile con lume e a de Antía Pousa (segunda finalista do concurso Canta en Caldelas).

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close