ConcellosGalerías de fotosPetínÚltima hora

Divertida e “terrorífica” tarde de xogos polas rúas de Petín

Os cativos desfrutaron dunha entretida xincana de Samaín

 

Os máis pequenos de Petín tampouco quedaron este ano sen a súa celebración do Samaín. Aínda que unha semana despois da data (31 de outubro), unha trintena de nenos e nenas de diferentes idades desfrutaron dunha divertida e “terrorífica” tarde de xogos, con piratas, bruxas, demos e curuxas,… organizada polo Concello coa colaboración de monitores e pais.

Coa Casa da Cultura como base de operacións, en torno ás seis da tarde deste domingo 7 de novembro comezaba a xincana coa xuntanza dos cativos disfrazados nun escuro cuarto. Alí, o “Pirrata Garrrrapata de Transilvania”, recibía aos cativos entre risas e escuridade, presentándolle aos seus compinches, Rata, Rita, Rota e Ruta. Catro piratas e catro grupos de cativos que, mapa en man, percorrían as rúas de Petín, na procura dos seres da noite que lle deran pistas para dar co tesouro do pirata, ao tempo que esquivaban aos asustadores.

Polo camiño, os cativos acompañados polos respectivos piratas íanse atopando con bruxas, demos, esqueletes,… volvendo ao punto de partida cada vez que atopaban unha pista. E así, entre risas, berros, nervios e moita diversión, nenos e maiores pasaron a tarde, rematando a actividade cun chocolate no Doble Cero.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button