ConcellosÚltima hora

Divulgación, creatividade e festa na III Xornada Castañeira dos Anguieiros (Quiroga)

O programa en torno á castaña abrirase cunha visita guiada o sábado 27 de outubro ás 12 horas

Poñer en valor e lembrar as tradicións arredor da castaña, e socializar intentando xuntar á xente da contorna coa celebración do típico magosto. É o dobre obxectivo co que nacía hai tres anos a Xornada Castañeira da man da Asociación Boca do Monte na aldea dos Anguieiros (parroquia de Montefurado e concello de Quiroga).

Este ano a cita será o vindeiro sábado 27 de outubro en torno a un programa que arrancará pola mañá cunha sesión divulgativa. Ás 12h. farase unha visita por varias caniceiras que aínda se conservan para ver como eran eses espazos das casas onde se secaban as castañas antigamente. “A día de hoxe, entre as pragas que afectan aos castiñeiros e o despoboamento xa case non queda quen colla e aproveite as poucas castañas que hai”, explican dende a asociacion, por iso, esta será unha boa ocasión para contar experiencias e falar dos traballos que se daban arredor deste froito de outono. Ao remate, xente da empresa Delicias do Souto, especializada na elaboración de doces realizados a partir da castaña, como tartas e bicas, contarán aos asistentes a súa experiencia en Folgoso do Courel.

Pola tarde, entre as 17:30 e as 19h. haberá un obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín para os máis pequenos, cuxas creacións expoñeranse pola noite no campo da festa.

O fin de festa porao o magosto popular. A partir das 19:30 h. comezarán a asarse as castañas ao estilo tradicional, nunha cita á que non faltarán nin o viño, doces e licores, nin a música que correrá a cargo do grupo de Quiroga Os Palletas.
Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button