DeportesKárateÚltima hora

Doce membros do River Stone (O Barco) compiten o domingo na I Liga Galega de Karate Infantil

O club barquense ten representación nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, na modalidade de kata

Nazan Barreda nunha proba anterior. /Foto: RFEK.

 

En plenas festas de Nadal, os pequenos do KC River Stone prepáranse para participar na I Liga Galega de Karate Infantil que se celebra este domingo, 26 de decembro, en Ferrol.

Trátase dun proxecto cuxa idea nacía hai xa tempo pero non era ata agora, cunha nova directiva presidida por Óscar Lafuente á fronte da Federación Galega de Karate, cando conseguía poñerse en marcha con todo o traballo e implicación que iso require. Arranca así este domingo co principal obxectivo de ofrecer un espazo para que as categorías inferiores dos clubs galegos se poidan ir curtindo na competición, xa que agora, por diferentes motivos, os concellos máis pequenos non teñen posibilidade de sacar adiante campionatos de promoción onde os pequenos poidan probarse. O sistema desta liga é similar ao da nacional pero a nivel galego, sendo Ferrol a primeira sede.

 

 

E nesta primeira edición da liga galega, son doce (nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil), os membros do River Stone que participarán, todos na modalidade de kata: Leyre Paradelo Ambrinos, Manuel Blanco Blanco, Raúl Pérez Panizo, Tomás González Andrade, Nazan Barreda Fernández, Cloe Yáñez González, Diego Prada Rodríguez, Eric Rodríguez Carballo, David Fernández Fernández, Brian Rodríguez Carballo, Mª Fuensanta Blanco Blanco e Enzo Prieto Fernández.  “Para moitos deles é a súa primeira competición”, aseguran dende o club barquense, explicando que cada unha das categorías, dende prebenxamín ata xuvenil, estará dividida en dúas: iniciación, para os que non teñan competido nunca; e avanzada, para os que xa teñan unha bagaxe tanto a nivel galego como nacional, coa finalizade de “animar a toda a base a competir e non só aos que despuntan”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button