CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Docentes de Valdeorras, Trives e Viana visitan Córgomo, a vila natal de Florencio Delgado Gurriarán

Forman parte dun grupo de traballo que está inmerso nunha actividade de ilustración con poemas do poeta valdeorrés

 

Nestes días Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), aldea natal do poeta Florencio Delgado Gurriarán, está máis activa que nunca. Na fin de semana acollía unha nova edición do Encontro de Poetas e o inicio dun proxecto das mulleres rurais para decorar as rúas, e hoxe recibía a un grupo de visitantes moi especial.

Na tarde deste martes 15 de marzo, un grupo de profesores das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana, responsables das bibliotecas de escolares de varios centros, facían un completo percorrido pola aldea vilamartinesa. Comezaban no cemiterio onde están enterradas as cinzas de Florencio e despois seguían polos diferentes barrios: o de Santa Marta onde está a igrexa, o antigo cemiterio, o espazo de arte ‘Conde y Torino’; a casa onde naceu Florencio, na Cruz; a casa onde se criou, no Poulo; e o barrio das Gralleiras ata a estrada, “o que antigamente se chamaba o barrio das oliveiras”, explica Merche do CEIP Condesa de Fenosa e familiar de Florencio. E entre visita e visita, lían poemas do autor valdeorrés que será homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.

 

Os docentes en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

 

A visita a Córgomo forma parte do programa de actividades que os docentes están levando a cabo este ano. Tal como explica Carmen López, responsable da biblioteca do IES Xermán Ancochea de Trives dende hai vinte anos, o grupo de traballo formárono hai uns seis anos con docentes da zona sur de Ourense. “Todos os anos facemos cursos de formación (sobre ilustración, restauración de libros, encadernación,…). O ano pasado puxemos debuxos aos poemas de Darío Xoán Cabana e este ano fixémolo sobre poemas de Florencio Delgado Gurriarán, e nunha das sesións do curso fixemos o roteiro pola súa vila natal”, di Carmen.

Na visita desta tarde estaban Isidora do IES de Celanova; Loli Nieto, asesora de Bibliotecas Escolares de Ourense; Chelo, do CEIP Bibei de Viana; Víctor, do IES Cosme López da Rúa; Manuela do IES Martaguisela; Manolo, do CEIP Julio Gurriarán; Xaquín e Merche, do CEIP Condesa de Fenosa; e Carmen do IES Xermán Ancochea. Aurea, do IES Lauro Olmo e Marta do IES Martaguisela, non estaban pero tamén forman parte do curso.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button