ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Doces para celebrar San Valentín no Centro de Día da Rúa

Os usuarios do centro e un grupo de usuarios da Residencia de Fátima participaron nun orixinal obradoiro de repostería

 

Dun xeito moi orixinal e entretido celebraron a festividade de San Valentín no Centro de Día da Rúa. Na tarde deste vernes 14 de febreiro, os usuarios do centro rues e un grupo de usuarios da Residencia de Fátima, tamén na Rúa, compartiron un obradoiro de repostería. O obxectivo: elaborar galletas, algunhas con forma de corazón, con motivo do día dos namorados.

Tal como explican dende o Centro de Día, unha vez lista a masa (houbo que realizala con antelación xa que tiña que repousar), os usuarios, axudados polas traballadoras encargáronse do resto: cortar a masa en anacos pequenos, estirala con rodillos e logo con distintos moldes, irlle dando forma. Unha vez barnizadas e decoradas (con froita confitada ou chocolate) pasaron polo forno para a cocción e o último paso foi a degustación no propio local e a empaquetación dalgunhas para levar como agasallo aos familiares e seres queridos.

 

Os participantes o obradoiro.

 

No centro da Rúa, pertencente á rede de centros de atención ás persoas maiores da Xunta, organízanse moitas actividades e obradoiros ao longo do ano. Os de cociña son uns dos que máis gustan, sendo ademais moi útiles para traballar diferentes aspectos. O principal é mellorar a psicomotricidade e a coordinación das persoas maiores, pero tamén fortalecer a capacidade de atención e comprensión e as funcións executivas, á hora de seguir os pasos da elaboración da receita; fomentar as relacións con persoas doutro centro coas que poidan comentar o seu día a día e as súas inquedanzas; e por suposto, reforzar a súa autoestima e a autorrealización lembrando certos roles que xa non manteñen.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button