En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O documental “Fermentación Espontánea”, que amosa o proxecto de Daterra Viticultores, proxéctase en Manzaneda

Clara Isamat, directora desta obra que achega diferentes iniciativas ligadas aos viños naturais de España, acudía á presentación

Detrás de cada viño natural hai unha historia, un proxecto persoal, un modo de vida ligada ao viñedo. Algo que contan en primeira persoa os elaboradores en “Fermentación Espontánea”, un documental que constitúe a face audiovisual do libro “Raíces del vino natural, un año de vida”. Ambos son obra da fotógrafa e sumiller Clara Isamat.

Entre eses viticultores e adegueiros que apostan polo denominado viño natural e que aparecen no filme está Laura Lorenzo, promotora de Daterra Viticultores en Manzaneda. Ela acompañaba a Isamat na tarde do 21 de novembro no acto de presentación deste documental na vila de Manzaneda. A proxección tiña lugar no salón de actos do Concello de Manzaneda, cheo de veciños e coa asistencia do alcalde, Félix Domínguez.

Seguindo o curso das estacións do ano na viña, o filme vai debullando as experiencias e iniciativas destes produtores que apostan por un xeito diferente de entender o viñedo e de elaborar viños. É percorrido que vai de estremo a estremo de España, con miradas, acentos e proxectos moi diferentes pero cunha esencia común. A proxección remataba entre aplausos dos veciños de Manzaneda, algúns dos cales aparecían tamén na pantalla.

De seguido, a adega Daterra Viticultores ofrecía unha degustacións dalgúns dos seus viños, acompañados de variados petiscos no Restaurante O’Pendón de Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button
Close