EconomíaEconomíaÚltima hora

O DOG publica a orde de creación da Mesa da Castaña

É un órgano colexiado de carácter consultivo e asesor integrado polos principais axentes sociais relacionados coa castaña
Soutos ourensáns./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o día 1 de setembro as ordes de creación da mesa da castaña e tamén da madeira, así como a súa regulación, funcionamento e composición co fin de fomentar o sector forestal e contribuír ao aproveitamento sostible dos montes.

A comunidade galega posúe máis de dous millóns de hectáreas de monte, das cales o 70% aproximadamente está arborado. Dentro destas masas, cóntase cunha extensa superficie da especie Castanea sp, ben como especie principal, “ocupando o castiñeiro unha superficie de 12.500 hectáreas en masas puras, ou secundaria en formacións mixtas, chegando a unha superficie de 46.455 hectáreas, segundo os datos do último Inventario forestal nacional. Asemade, a superficie de soutos produtivos de froito ascende aproximadamente a unhas 38.000 hectáreas”, segundo se indica dende a Consellería do Medio Rural.

Isto convirte a Galicia na principal comunidade en produción e exportación de castañas. No 2015, superáronse os 20 millóns de quilos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagados aos produtores e que xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados.

Xunto coa súa importancia económica, a castaña ten valores ecolóxicos e incluso culturais destacados para a comunidade. De feito, os bosques desta especie están considerados como un hábitat de interese comunitario da Rede Natura 2000.

Por iso co obxectivo de “regular este ámbito e favorecer a súa produción” vén de crearse a Mes da Madeira un “órgano colexiado de carácter consultivo e asesor integrado polos principais axentes sociais relacionados coa castaña. En concreto, está composta polo presidente (o director xeral de Ordenación Forestal) e trece vogais. Destes, cinco representarán á administración autonómica e oito aos axentes sociais entre os que estará a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, propietarios forestais, produtores, operadores, comercializadores e almacenistas, así como as industrias de procesamento e viveiristas”.

Mesa da Madeira

Ademais vén de publicarse no DOG outra orde referida á creación da Mesa da Madeira, que estará composta pola presidencia e 22 vogais: cinco en representación da administración autonómica, sete persoas en representación das organizacións de propietarios forestais, dúas das empresas de servizos e produtos forestais, outras sete das organizacións de empresas e industrias da primeira transformación e unha última por parte do Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia.

A través destes dous órganos consultivos, continúase desenvolvendo a lei 7/2012 do 20 de xuño de Montes de Galicia, que faculta á administración forestal a promover e poñer en marcha mesas sectoriais para o fomento, promoción e mellora dos produtos do monte. En ambos casos, a orde entrega en vigor en 20 días a contar dende hoxe. O seguinte paso será nomear aos representantes de cada sector para así proceder á constitución das mesas e iniciar o seu funcionamento.

Artigos relacionados

Back to top button