ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Dolores Vega, natural de Rubiá, celebra o seu 100 aniversario rodeada da súa familia

Esta celebración reunía a unhas 60 persoas, chegadas de diferentes puntos da xeografía española, o 5 de outubro no Paladium (Vilamartín)

 

Cun evento moi especial e acompañada pola súa familia, Dolores Vega Lorenzo, máis coñecida na súa Rubiá natal como a señora Lola, celebraba o seu 100 aniversario o 5 de outubro no Complexo Hostaleiro Paladium en Vilamartín.

A homenaxeada era recibida ás 13h. coa música tradicional da banda Airiños de Portela, mentres recibía os saúdos agarimosos dos seus familiares, chegados dende diferentes partes da xeografía española (de lugares como Valencia, Zaragoza, Santander, Sevilla, etc.). Ademais recibía un ramo de flores como agasallo do Concello de Rubiá, que estaba representado pola concelleira Laura Iglesias.

Despois dábase paso ao xantar, no que participaban unhas 60 persoas entre fillos, netos, bisnetos e sobriños, e no que tampouco faltaba a música, nin o baile ata case a chegada da noite nunha fermosa velada acompañando á “avoa Lola”.

Dolores Vega, filla de Luis Arturo Vega e Carmen Lorenzo, nacía un 6 de outubro de 1919 (ano no que reinaba en España Alfonso XIII) no barrio do Lago (Rubiá), sendo a quinta de sete irmáns e a única que aínda vive.

Con 16 anos, tivo que trasladarse, soa, a Barcelona, para acompañar á súa irmá maior, Guillerma, viúva e cun fillo. Con ela empezou a traballar servindo nunha casa de boa familia xusto cando se producía o alzamento militar, polo que tivo que presenzar con auténtico terror feitos como os bombardeos ou a queima de igrexas. De volta a Rubiá, casaría con Manuel Seara, con quen tivo tres fillos. Tamén estivo na emigración en Francia, traballando en París.

A súa familia destaca a gran forza de vontade de Lola, “que, sen dúbida, tivo moito que ver en que tivera alcanzado os 100 anos”.

Fotos: Carlos G. Hervella (as cinco primeiras da galería) e cedidas pola familia.

Máis información e fotos na edición en papel de novembro do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button