PolíticaÚltima hora

Domingo Diéguez será o cabeza de lista do PP por Trives

Conta con once anos de experiencia como concelleiro e un como alcalde, baixo as siglas independentes de ATI, neste municipio
O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, co candidato popular á alcaldía de Trives, Domingo Diéguez.

Domingo Diéguez González (Chandrexa de Queixa, 1967) encabezará a lista que o Partido Popular presentará nas vindeiras eleccións municipais en Trives, integrando así a formación que preside como alcalde, Agrupación Trivesa Independente (ATI), e o seu equipo na candidatura popular. Un paso que Domingo Diéguez explica desde “o compromiso polo seu concello, por sentar as bases dun mellor futuro para os seus habitantes e a colaboración que atopou desde a alcaldía en Manuel Baltar, tanto como presidente provincial do PP como da Deputación”. O propio Baltar agradecía a decisión do candidato “que desde a súa independencia fixo neste tempo unha eficaz xestión reivindicando sempre o mellor para Trives”.

Domingo Diéguez, con once anos de experiencia como concelleiro e un como alcalde, afirma que o seu equipo vén de facer unha gran xestión á fronte do concello, “pero os recursos non son suficientes e precisamos de todo o apoio posible, que atopamos en Baltar cun claro compromiso e iso danos a confianza de que esta decisión é o mellor camiño para Trives”.

Engade que “non pedimos grandes obras nin proxectos, senón a dotación de infraestruturas, servizos e equipamentos que melloren a calidade de vida dos nosos veciños nas vintedúas aldeas do concello”. Con todo, non esquece citar a necesidade de realizar melloras no polideportivo, piscina, na casa da cultura ou abordar a eficiencia enerxética do alumeado en todo o municipio.

O sector turístico é clave para o candidato, que ten moi clara a necesidade de loitar pola integración de Trives no Xeodestino da Ribeira Sacra, a apertura e recuperación das rutas que atravesan paisaxes de gran valor natural, a integración das fragas da Coba na Asociación Europea de Bosques Terapéuticos –xa en tramitación- ou intervencións no patrimonio como Ponte Bibei, entre outros proxectos.

Persoas como Diéguez, apuntou Baltar, “son as que precisamos polo seu apego á terra, con discurso de territorio e das persoas, xestores que como el conectan coa xente e amosan forza e ilusión”.

Artigos relacionados

Back to top button