CulturaCulturaÚltima hora

Dos dez participantes en “Córgomo Arte 8”, tres serán valdeorreses

Manuel Conde, Torino e Brais F. Vizcaya serán os únicos creadores da comarca presentes nesta edición da mostra, titulada "Sinapses", que se inaugurará o 7 de decembro

Torino e Conde, promotores de Córgomo Arte, na pasada edición desta exposición./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ás 17h. do vindeiro 7 de decembro abrirá as súas portas na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín) a oitava edición de Córgomo Arte, unha mostra anual adicada nesta ocasión á “Sinapses”.  “Quixemos abrir unha nova reflexión sobre o mundo da arte, enfocándoo desta volta desde a súa dimensión máis social, como un medio de visibilización dunha terrible realidade do noso tempo como son o Alzheimer e outras demencias”, explican dende a organización.

Así entre as obras expostas haberá algunha realizada polos dez usuarios e usuarias de AFAN Burela (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias), “que cos seus terapeutas e a colaboración do artista plástico Martín Lestao, quixeron regalarnos un pedaciño da súa memoria en forma de obra de arte, un libro formado por páxinas que cada un deles foi enchendo de vida e de cariño”.

A representación valdeorresa nesta edición correrá a cargo de Manuel Conde (Córgomo) e Victorino Núñez “Torino” (Petín), promotores desta iniciativa artística e expositiva, así como do bolés Brais F. Vizcaya. Nos tres casos amosarán pezas esculpidas en madeira, principalmente.

Ademais participarán os artistas lucenses Martín Lestao e Ignacio Castro “Nachok”; Violeta Bernardo; Arturo Ceide e Crystilandia; Patricia Fernández Paz. A mostra permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2020, nas fins de semana e festivos de 10 a 22 h.

 

Artigos relacionados

Back to top button