CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Dous centros de Valdeorras, dous de Trives e un de Viana participan este curso no Voluntariado de Lectura

A iniciativa enmárcanse no programa Bibliotecas Escolares Solidarias da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

 

Un total de 20 centros de ensino da provincia de Ourense participan este curso 2019/2020 nas iniciativas de Voluntariado de Lectura impulsadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Trátase de dúas accións: Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e Voluntariado de lectura-A (Primaria).

O obxectivo destas iniciativas, que se enmarcan no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe.

12 centros da provincia, entre eles os institutos Xermán Ancochea Quevedo de Trives, Cosme López da Rúa e Carlos Casares de Viana, participan en Voluntariado na biblioteca escolar, dirixido a centros que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial que contan con grupos formalizados de alumnado colaborador. Esta iniciativa pretende favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado galego, especialmente no ámbito cultural, o que poderá materializarse en actividades de colaboración na biblioteca escolar, de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro.

No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a centros que matriculan alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario, participan este curso un total de 8 centros da provincia, entre eles o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas do Barco e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso de Trives.

O obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. A acción divídese en tres modalidades. A primeira delas (A) consiste na colaboración coa biblioteca escolar, na que o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúe ao bo funcionamento deste espazo no seu centro. Na segunda modalidade (B), Ler con… D (Lecturas compartidas dentro do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros, a través de fórmulas como os apadriñamentos lectores, a titorización lectora, ou as lecturas compartidas, entre outras. Por último na terceira modalidade (C), Ler con… F (Lecturas compartidas fóra do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros nenos e nenas, doutros centros educativos, incluídas as escolas infantís; lectura a anciáns nas residencias de maiores; lectura a enfermos nos hospitais, etc. Así mesmo, poden incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio; así como con alumnado doutros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do seu concello.

 

Artigos relacionados

Back to top button