En portadaÚltima hora

Dous edís vianeses do PSdeG deixan o partido nun pleno no que se rexeita unha moción antitransfuguismo do BNG

Pouco antes de votar a moción a única concelleira que queda no partido socialista anuncia que tiña que saír do pleno de inmediato porque escapaban as súas vacas

 

A Casa da Cultura de Viana do Bolo vén de acoller na tarde deste 30 de xullo unha sesión plenaria na cal se daba conta dos escritos polos cales dous dos tres concelleiros do grupo municipal socialista, Santiago Barja e Abelardo Carballo, deixan o partido e pasan a ser non adscritos.

Na orde do día desta mesma sesión tamén figuraba unha moción presentada pola alcaldía relativa ao anti-transfuguismo. O alcalde vianés, Secundino Fernández, sinalaba durante a exposición da moción que “segundo os acordos subscritos por distintas forzas políticas, entre as que se atopan o PP, o PSOE e o BNG, se estas persoas (aludindo aos antigos concelleiros socialistas) permanecen na Corporación na súa condición de non adscritos no canto de dimitir, pasarán a ter a condición de tránsfugas”.

Lembraba tamén que as tres forzas políticas presentes no pleno vianés “son subscritores do pacto antitransfuguismo” e despois daba lectura a algún dos puntos dese acordo. Finalmente, a moción pedía que “ningún dos grupos municipais da Corporación de Viana, nin ningún dos seus concelleiros/as, asinará ou participará en acordos que incumpran o código político e ético derivado do pacto antitransfuguismo, como pode ser unha moción de censura”.

Un par de minutos antes de proceder á súa votación, a única edil que permanece no grupo socialista municipal de Viana, a gandeira María Páez, anunciaba que se vía obrigada a abandonar á sesión porque se lle escapaban “as súas vacas”. Como resultado desa votación resultaba rexeitada a moción por 5 votos en contra, tres do PP (xa que non estaba o edil popular Andrés Montesinos) e dous dos edís non adscritos, fronte aos 4 a favor do BNG.

Entre o público asistente á sesión estaban dous concelleiros do BNG de Verín, Emilia Somoza e Diego Lourenzo, que é tamén tenente de alcalde.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button