Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Dous escolares do Barco de Valdeorras entre os premiados no XXXVI Concurso da Constitución

A entrega de diplomas tiña lugar no Auditorio de Ourense na mañá do 6 de decembro

 

Fiel á cita de cada 6 de decembro, o Auditorio Municipal de Ourense acollía esta mañá o acto institucional de conmemoración da Constitución Española, que este ano cumpriu 41 anos, no que se entregaron os premios aos escolares gañadores da XXXVI edición do Concurso da Constitución, convocado pola Subdelegación do Goberno en Ourense.

O acto foi inaugurado pola Banda Xuvenil do Concello de Coles e presidido polo subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, acompañado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; polo presidente da Deputación, Manuel Baltar; polo presidente da Audiencia Provincial; polo xuíz Decano; deputados e senadores. Asemade, ao evento acudiron membros das distintas administracións e institucións; representantes dos órganos da Administración Xeral do Estado, das distintas Corporacións Locais da provincia, das Forzas e Corpos de Seguridade, dos Colexios Profesionais, da Universidade, representantes políticos e sindicais, así como do tecido social da provincia, ademais dunha importante representación da comunidade educativa e alumnado.

No seu discurso, o subdelegado do Goberno destacou que no ano 1978 “a sociedade española expresou a súa vontade de abrir unha nova etapa, de vivir baixo un sistema democrático, decidindo ser libre e camiñando rumbo a un cambio político de maneira pacífica”. Así mesmo, coa Constitución Española “púidose desenvolver o estado das autonomías, a integración na Unión Europea e unha estrutura legal e institucional que permitiu a España percorrer o camiño da democracia”. Emilio González referiuse tamén “ás ameazas á nosa convivencia que xorden coas fendas que provocan os discursos anacrónicos, que só pretenden erguer muros insolidarios”, declarando que “o presente bríndanos unha oportunidade de cambio, onde o instrumento máis revolucionario quizais sexa a serenidade, calidade que deberíamos cultivar para atopar espazos de consenso e concordia, respectando a pluralidade e a diversidade”.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, durante a súa intervención.

 

Destacou a necesidade de iniciar unha apertura constitucional, “facendo do diálogo e da cultura de pacto un marco de convivencia nunha sociedade plural” e de contar cunha Carta Magna que siga avanzando na conquista de dereitos, na igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, e na erradicación da violencia de xénero. Así mesmo, agradeceu a implicación da comunidade educativa da provincia na participación no concurso, ensinándolle ás novas xeracións a riqueza e importancia dos preceptos que recolle a Constitución, transmitindo “o espírito de consenso e concordia que impregnou a Constitución, así como a política democrática baseada no respecto aos demais, ás diferentes sensibilidades que se perfilan no marco constitucional”.

Con respecto aos premios desta XXXVI edición, recaeron en 40 escolares da provincia de Ourense, polos seus debuxos e traballos centrados nos Artigos 1 e 2 do Título Preliminar da Constitución Española, que aluden á constitución de España como “un Estado social e democrático de Dereito e á soberanía nacional que reside no pobo, así como á unidade da Nación e ao dereito á autonomía, respectivamente”.

 

Os escolares barquenses, Íker e Ana coas súas familias tras recoller os premios en Ourense.

 

En total entregáronse 20 premios na categoría de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, que recibiron un agasallo e un exemplar da Constitución Española, e 20 na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclos Medios de FP. Estes últimos resultaron premiados cunha viaxe a Madrid para visitar o Congreso e o Senado. No apartado de Educación Infantil e Primaria, recolleron os seus premios dous escolares do Barco de Valdeorras: Ana Ruíz Arias do CEIP Plurilingüe Divina Pastora e Íker Fernández Seco do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán.

Por úlitmo, as distincións neste 41º Aniversario da Constitución foron outorgadas ao Maxistrado Xuíz da Audiencia Nacional, José Luis Castro Antonio, “polo seu compromiso social na formación do alumnado da Facultade de Dereito que realiza prácticas na Subdelegación do Goberno en Ourense”; á Asociación Ledicia Cativa “polo seu compromiso social e humanitario pola acollida de menores orfos rusos afectados pola radiactividade”; ao Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Manuel J. Novo Colldefors, e ao Capitán Xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Ángel R. Rodríguez García, en ambos casos “en recoñecemento á súa excelente traxectoria profesional, compromiso e dedicación na provincia de Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button