ConcellosÚltima hora

Dous feridos nun accidente de tráfico na N-120 ao seu paso por Arcos (Vilamartín)

O vehículo no que viaxaba unha parella saíase da vía preto do cruce da estrada de Córgomo

Menos de 24 horas despois da saída de vía en Quiroga, volvíase producir outro accidente na estrada N-120, desta volta na comarca de Valdeorras.

Ás 18:42 h. do martes 15 de outubro, o 112 Galicia recibía o aviso dunha saída de vía á altura do Km 459,7 no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras. O vehículo no que viaxaba unha parella de mediana idade saíase da estrada nacional á altura da localidade de Arcos, moi preto do cruce da estrada de Córgomo. Tal como adianta o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, o coche quedaba parado entre unhas árbores nun terraplén e a muller quedaba atrapada no interior, tendo que ser sacada polos bombeiros. De seguido, ámbolos dous pasaxeiros (o condutor ferido leve e a acompañante do asento dianteiro ferida de consideración) eran evacuados ao Hospital Comarcal Valdeorras.

Ata o lugar do suceso desprazábanse varias patrullas da Garda Civil, Seguridade Cidadá do Barco e da Rúa, emerxencias sanitarias do 061, os bombeiros e Protección Civil de Vilamartín de Valdeorras.

 

Artigos relacionados

Back to top button