DeportesÚltima hora

Dous membros do club de pesca Os Mil Ríos ganan o II Open Internacional de Pesca à Pluma Alto Minho

Os valdeorreses Miguel A. Iglesias e Tomás Araújo fixéronse co 1º premio no campionato celebrado no río portugués Vez
Miguel Ángel Iglesias e Tomás Araújo cos trofeos.

Miguel Ángel Iglesias teno claro: a subsistencia da pesca de salmónidos nos ríos pasa por non matar as troitas “e moito menos as de gran tamaño porque canto maior sexan máis ovos porán chegado o momento, é unha cuestión de xenética e lóxica”, di. Por iso a súa aposta vai orientada á pesca sen morte especializándose na modalidade de mosca, “a gran descoñecida”.

Co obxectivo de dar a coñecer esta especialidade de pesca respectuosa co medio e coa fauna, hai cinco anos collía as rendas do club deportivo de pesca Os Mil Ríos, un colectivo que neste momento conta xa con medio cento de socios, dos cales unha trintena están federados, conseguindo uns bos resultados tanto a nivel de participación nos campionatos como a nivel de resultados. No club, con sede no Barco de Valdeorras, son conscientes de que moita xente tradicional é reticente a este tipo de pesca, por iso tamén hai espazo para os que queren levar a troita para casa, pero aseguran que cada vez é maior o número dos que se animan a probar e unha vez que descubren que se trata dunha modalidade de pesca activa e divertida a través do coñecemento do entorno, repiten.

 

Pescando no río Vez, na rexión do Alto Minho (Portugal).

Miguel leva anos practicando esta modalidade de pesca que cada vez vai collendo máis adeptos, competindo en numerosos campionatos, e sabe mellor que ninguén o difícil que resulta acceder a unha proba internacional, xunto a outros membros do mesmo club e por riba ganar. Por iso está especialmente orgulloso do conseguido a comezos de xuño en terras portuguesas. Nin máis nin menos que ganar o II Open Internacional de Pesca á Pluma Alto Minho, celebrado entre o 1 e o 4 de xuño no río Vez.

No campionato de pesca a mosca (aínda que en Portugal lle chamen pluma para diferencialo doutra modalidade con mosca natural), partiparon unhas 18 parellas de diferentes puntos da Península Ibérica (Galicia, País Vasco, Portugal, Castela León, A Rioxa,…) entre os que se atopaban os valdeorreses Miguel Ángel Iglesias e Tomás Araújo que participaban por primeira vez alzándose co primeiro premio. Miguel xa está curtido nete tipo de campionatos, pero para Tomás era o primeiro polo que a vitoria soubo a gloria. “Estaba un pouco nervioso pero fíxoo ben” asegura Miguel, explicando que realmente pescaron en parella, poñendo en práctica a máxima do open que máis aló  de poñer a proba a calidade de cada pescador, fomenta o compañeirismo e o traballo en equipo.

 

Artigos relacionados

Back to top button