ConcellosÚltima hora

Dous millóns de euros para recuperar o río Limia

O proxecto “Life Regenera Limia”, que desenvolverá a CHMS, incluirá 26 actuacións nos vindeiros tres anos

 

Autoridades asistentes á presentación do proxecto europeo "Life Regenera Limia".
Autoridades asistentes á presentación do proxecto europeo “Life Regenera Limia”.

Recuperar a calidade medioambiental do río Limia ao su paso pola comarca ourensá da Limia a través de máis de vinte intervencións. Este é o obxectivo co que nace o proxecto “Life Regenera Limia”, que se daba a coñecer na mañá do 5 de febreiro a través dunha xornada aberta ao público e desenvolvida na Casa da Cultura de Xinzo.

O acto inaugural deste encontro contaba coa presenza do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e da directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado. No decurso desta xornada os socios do proxecto foron explicando as diferentes técnicas que se utilizarán para mellorar a conca deste río.

Na posta en marcha desta iniciativa o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, invertirá dous millóns de euros. “Este proxecto, que foi elixido o ano pasado pola Comisión Europea de entre preto de 1.500 candidaturas, pretende aplicar un conxunto de medidas preventivas e de rexeneración para reducir os nutrintes de orixe gandeira nas masas de auga da conca do río Limia, co obxectivo de cumprir cos obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a normativa de transposición á lexislación española”, tal e como se indica dende o ministerio.

Na xornada celebrada en Xinzo presentábanse un total de 26 accións, divididas en catro grandes bloques de actuación, entre os que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros destinados a reducir o seu impacto no medio ambiente “a través de humidais artificiais intensivos de macrófitos. Trátase de crear un sistema de lagunaxe artificial como proxecto piloto de tratamento de puríns de porcino por medio de métodos naturais de depuración”, tal e como se indica dende o ministerio.

Asemade inclúese a creación e posta en marcha dun Sistema de Control Integrado de xestión de fertilizantes e abonos en chans agrarios que permita un emprego máis eficiente destes, diminuídos aportes difusos de
nutrintes ás aguas. E tamén está prevista a reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area na Canle de Antela nun sistema lagunar de charcas que potencien a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA de A Limia.

 

O presidente da Confederación Miño-Sil, xunto ao presidente da Deputación de Ourense, na xornada.
O presidente da Confederación Miño-Sil, xunto ao presidente da Deputación de Ourense, na xornada.

Por outra banda, procederase á recuperación ambiental dos cauces fluviais modificados e á rexeneración e reconexión de sistemas lagunares para reducir a presenza de nutrintes na auga e a eutrofización, á vez que se
recuperarán os ecosistemas locais de especial trascendencia en espazos incluidos na Rede Natura 2000.

Con estas intervencións espérase que unha vez conclúa o proxecto, cuxa duración será de tres anos, se teña reducido reducido non só a concentración de nutrintes na auga, senón tamén nun 30% o uso de fertilizantes, nun 50% o de abonos e que haxa un 40% menos de gases de efecto invernadeiro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button