ConcellosQuirogaÚltima hora

Dous novos murais embelecen as rúas de Quiroga

Teñen sido realizados neste verán polos artistas Germán González e Yoseba MP na Praza Maior e nun edificio da rúa San Martiño de Abaixo, respectivamente

Yoseba MP estaba pintando o mural da “superavoa” en Quiroga.

 

Dous novos murais fan dende este verán de Quiroga unha vila máis vistosa. Alén ese apartado visual, estas pinturas contribúen tamén a reivindicar algúns aspectos do municipio e do rural galego en xeral.

Por unha banda, nas inmediacións da Praza Maior, o artista vigués Germán González rematou estes días as últimas pinceladas do mural que representa unha alvariza e mais un oso nas súas proximidades. En xullo comezou a traballar nel, mais non foi ata este mes cando rematou a obra, que estaba pendente dos últimos detalles e o pintado do fondo, que representa as montañas do Courel.

Deste xeito, ponse en valor o mel, un dos produtos típicos Quiroga, xunto co viño e o aceite. Precisamente, cada 10 de agosto a vila quiroguesa acolle a Mostra do Mel, un certame que este ano viviu a súa edición máis atípica por mor da covid-19. Os apicultores participantes este ano achegáronse tamén ata o mural da alvariza.

 

Mural da alvariza de Germán González.

 

Doutra banda, o coruñés Yoseba MP, nome artístico de Joseba Muruzábal, coñecido como o pintor das superavoas, retratou unha veciña da Praza Maior, Erundina Macía, nun mural localizado na fachada lateral dun edificio da rúa San Martiño de Abaixo, no cruzamento coa rúa Real.

Esta temática das superavoas foi xurdindo en Muruzábal pouco a pouco porque, segundo sinala, «é unha realidade que todos vemos» e que el levou a «un terreo ficticio e humorístico», intentando deixar testemuño do que son e representan estas mulleres. «A muller rural galega minifundista que realiza labores do campo ata os oitenta anos ten unha enerxía e condición física sorprendentes», explica o artista.

Antes de comezar a pintar este mural, Yoseba MP traballou nun longo proceso creativo. En primeiro lugar reuniuse con Erundina e descubriu aspectos curiosos da súa vida, como que ten tres carriños da compra: o máis pequeno sérvelle como andador, outro emprégao para ir á leña e o último para ir a por auga. Isto fixo que decidise retratar a muller sobre un deses carriños. Ademais, pola relación do territorio co viño, colocoulle un acio de uvas nunha man e unha tesoira na outra.

 

 

A iniciativa de ambas as dúas obras partiu da Asociación Quiroga en Marcha, creada en 2019 por un pequeno grupo de socios e presidida por Pablo Núñez. Para estes traballos contaron cunha axuda de 5.000 euros dos fondos Leader, concedida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. A esta habería que sumar outra de 2.050 euros do Concello de Quiroga, que tamén aportou un guindastre.

Ana Gadín, membro do colectivo, sinala que con accións deste tipo a xente que vén ao Courel poderá atopar «o atractivo que espera da zona». Xa traballan noutros proxectos futuros, que irán encamiñados a «reivindicar a historia que temos detrás e fixo grande a esta vila».

 

Con estas dúas novas creacións, xa son catro os murais que embelecen as rúas de Quiroga. A fachada do Albergue Municipal conta dende 2015 coa imaxe da mitolóxica Lavandeira do Sil, obra de Miguel Peralta. No mes de marzo deste ano, a artista viguesa Abi Castillo representou dúas mulleres baixo o título Sororidade, mural que serviu para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Texto e fotos: Carlos Julio González.

Artigos relacionados

Back to top button