CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Dous ourensáns finalistas na especialidade de graffiti do Xuventude Crea 2015

No programa participan máis de 300 mozos galegos ou residentes en Galicia

Un total de 228, individuais e en grupo, para as once especialidades do certame: teatro, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Son os proxectos presentados na presente edición do programa Xuventude Crea que “engloba a maior manifestación das posibilidades creativas da xuventude galega” e no que participan máis de 300 mozos galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.

Ao longo do mes de novembro terán lugar as fases finais do certame nas especialidades de teatro, moda, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias e música, pero na xornada do 31 de outubro tiña lugar en Santiago de Compostela a final de graffiti onde, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asegurou que os proxectos do programa son “ideados e executados polos mozos e mozas como unha expresión do seu talento e da súa creatividade; o talento e a iniciativa ao servizo da creación de proxectos artísticos”.

Os finalistas da especialidade de graffiti do Xuventude Crea 2015 son nove: Mon Devane (Ramón Conde-Corbal Varela, de Ourense) co proxecto “Festa neón”; O neto do Santos (Abraham Caride Fernández, de Ourense) coa obra “Enxebre”; Silcoe (Marcos Lamas Bestilleiro, da Coruña) co traballo “O rostro do querer”; Honey (Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera, de Baiona) coa obra “Vacaloura máxica”; Roxk 981 (Guillermo Ramírez Gaspar, da Coruña) con “Rock na cidade”; Maz (Marcos Fernández Cea, de Vigo) con “Xeometrías tropicais”; Bublegum (Tirso Paz Sans, de Lugo) con “Mirada melosa”; D. Mayio (Daniel Mayobre López, da Coruña) con “Sen presa, sen pausa”; e Daniel (Daniel Gariido García, de Vigo) co proxecto “Odisea na praia”.

Os premios serán 3.000 euros para o gañador, 1.500 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro. Por outra banda, o xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Artigos relacionados

Back to top button