DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Dous ouros e catro pratas para o Sincro Ourense, campión galego de inverno de natación artística

O club ourensán vén de revalidar o título subindo ao podio nas seis probas disputadas en Pontevedra

Un total de 31 nadadoras de nivel do Club Sincro Ourense, participaban esta fin de semana no campionato de inverno de nivel de natación artística (actual denominación da natación sincronizada), celebrado na piscina olímpica da Fundación Rías do Sur en Pontevedra. Unha competición moi positiva para o club ourensán que revalidaba o título de campión, subindo ao podio nas seis probas disputadas.

En figuras da categoría infantil, a ourensá Ana Moyano lograba a medalla de prata, sendo cuarta a tamén ourensá Rocío Blanco. Na categoría alevín, a nadadora do Sincro Ourense Estela Ojea facíase coa medalla de ouro.

Con respecto á proba de rutinas técnicas de dúo júnior, as representante do Sincro Ourense Laura Bernardo e Lola Carracedo, con Lara Doval como reserva, alzáronse co segundo posto.

Na competición de rutinas libres combinadas na categoría alevín, as nadadoras do club ourensán (Antía Blanco, Noa Bobillo, Iria Fernández, Paula González, Cristal Mota, Blanco Moyano, Estela Ojea, María Pousa, Lía Pulido e Elia Rodríguez), executaban unha coreografía “con poucos fallos e de grande dificultade que lles valeu para conseguir a medalla de prata”, explican dende o club. Na categoría infantil Rocío Blanco, María González, María Molina, Ana Moyano, Lucía Pousa, Eva Rodríguez e Antía Touriño, realizaba unha rutina “brillante executada cunha moi boa técnica” que lles valeu outra medalla de prata.

Na última proba do campionato, o combo júnior o Sincro Ourense estivo representado por Claudia Bande, Gisele Cazás, María Cid, Lara Doval, Iria Guevara, Elena Moyano, Xiana Otero, Candela Rodríguez, Rebeca Ruiz, Marta Vilariño, Paula Vilariño e Lucía Villar. Un grupo que grazas á “excelente combinación de técnica, dificultade e impresión artística” conseguían a medalla de ouro.

Ademais das medallas, o Sincro Ourense defendeu o título obtido na tempada pasada acomo mellor club galego de inverno, clasificación resultante de sumar as notas de cada unha das probas.

As próximas citas para o conxunto ourensán de natación sincronizada son os campionatos de España Asisa de inverno alevín e infantil que se celebrará do 1 ao 4 de marzo en Zaragoza; e júnior e sénior do 17 ao 20 de marzo en Valladolid.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button