DeportesÚltima hora

Dous valdeorreses na Titan Desert Almería 2020

Diego Seco e Víctor López completaban a ruta MTB polo deserto de Tabernas

 

A historia da Titan Desert vai intimamente ligada a Marrocos. Aínda que non sempre se celebrou neste país africano, sen el a Titan non tería sido a Titan, coas súas dunas, as súas chairas e as súas montañas… Mais este ano a situación sanitaria mundial provocada polo coronavirus levaba a organización a buscar unha alternativa máis cerca que atopou na provincia andaluza de Almería, un lugar que non pasará de longo e que probablemente se manteña para futuras edicións, aínda que nun formato diferente. Un novo deserto, novos rincóns e novos retos pero o espírito de superación de sempre, para celebrar o 15 aniversario desta carreira por etapas dirixida a todos os afeccionados á bicicleta de montaña que queren superarse a si mesmos e vivir unha experiencia única.

E entre eses amantes do deporte e dos retos (450 de todo o mundo tomaron a saída en Toyo) atopamos nesta edición a dous valdeorreses, Diego Seco (dorsal 347) e Víctor Manuel López (dorsal 200), que retaron á orografía de Tabernas, o único deserto de Europa ao longo de 400 quilómetros en cinco etapas.

 

Diego Seco co dorsal 347.

 

Entre o 2 e o 6 de novembro deste convulso 2020, Diego e Víctor percorreron as espectaculares paraxes da Costa de Almería e o Cabo de Gata, facendo fronte aos fortes desniveis e tamén á meteoroloxía con granizo, chuvia, baixas temperaturas e forte vento que incluso obrigaba a parar a cuarta etapa no quilómetro 56. O mal tempo e a area foi o que máis difícil lle resultou a Diego, acostumado a duras probas en bicicleta como a Iron Man ou a Pilgrim Race, pero non á area. No lado positivo, do que máis desfrutou foi do “bo ambiente e das paisaxes”, asegura.

 

Víctor M. López co dorsal 200.

 

Orgulloso por ter rematado a carreira, malia non prepararse especialmente para ela ademais de ser a primeira que facía por navegación na que moita xente queda polo camiño por accidentes ou avarías, Diego recoñece que é unha experiencia que paga a pena e pensa repetir.

A edición 2020 da Titan Desert queda pois marcada así por un estrito protocolo Covid-19 (todos os integrantes do campamento pasaron por un estrito control de seguridade anticovid para formar parte da burbulla Titan) para as case 1.000 persoas que formaban a caravana Titan. Pero tamén se lembrará pola presenza do mellor ciclista español da historia e 5 veces campión do Tour de Francia Miguel Indurain; por un campamento situado nun escenario de cinema (onde foron rodados tantos títulos de filmes do Oeste); e pola batalla entre dous auténticos fóra de serie, Sergio Mantecón e Josep Betalú; así como polo dominio implacable dunha das mellores ciclistas españolas de MTB, Clàudia Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button