DeportesÚltima hora

Dous valdeorreses no XXIV Maratón de Roma

Miguel Ángel Martínez e Francisco Bao cruzaban a liña de meta, cun tempo inferior ás seis horas, o 8 de abril na capital italiana

Coa recollida dos dorsais na feira do corredor o 4 de abril, comezaba a  participación de Miguel Ángel Martínez e Francisco Bao, de Trotadas Valdeorras, no XXIV Maratón de Roma. A proba propiamente dita arrancaba a primeira hora da mañá do 8 de abril. “Ás 8:52 dábase a saída ao caixón que tiñamos asignado, tras 4 minutos pasamos por debaixo do arco da saída e iniciamos o maratón”, relata Miguel Ángel. Os dous atletas valdeorreses acudían apoiados por familiares, que ían seguíndoos ao longo do percorrido.

Tras pasar pola parte posterior do Coliseo e o Foro Romano, rodeaban o monumento Vittorio Enmanuelle II e á dereita e esquerda ian deixando a Scalinata dell’Ara Coeliel, o Campidoglio, o Teatro Marcello… ata chegar á Piazza della Bocca della Verità, “dende onde subimos cara o Circo Massimo flanqueados polo Palatino. A partir de este punto esperábannos uns kms entre rúas baleiras e cun percorrido rompepernas con continuas subidas e baixadas”, recordan os atletas. A estas primeiras horas da mañá a temperatura era agradable e podían rodar lixeiros, pero prevían que a xornada ía resultar calurosa, e así foi.

“A partir do km 25 decidimos administrar as forzas e rendabilizar os case 30 minutos que levamos ganados para baixar das 6 horas, facendo un km andando e outro correndo para reservar as forzas ata o km 36, momento en que o percorrido entra de novo no centro, atravesando as prazas máis emblemáticas de Roma”, explica Miguel Ángel Martínez.

Animados polas súas familias, que lles entregaban a bandeira española pouco antes de chegar, cruzaban a liña de meta alzándoa e cun tempo de 5h57´, é dicir, cumprindo o obxectivo de non superar as seis horas.

Fotos cedidas por Trotadas Valdeorras

Artigos relacionados

Back to top button