CulturaCulturaÚltima hora

Drama servido en clave de humor con “A Leituga”, no Barco

O Teatro Lauro Olmo acollerá o vindeiro 28 setembro ás 21h. esta obra da compañía Emedous
Escena de “A leituga”/ Foto: Lucía Estévez.

 

Reunión familiar e conflito, tratado en clave de humor. Sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco representarase o vindeiro venres 28 de setembro (ás 21h.)”A leituga”, da compañía Emedous. Dirixida por Víctor Duplá (sobre un texto do venezolano César Sierra), esta obra propón unha reflexión teatral coa intervención de cinco personaxes ao respecto dos coidados e a dificultade das relacións familiares.

“Tres irmáns e as parellas de dous deles reúnense na casa da irmá maior, Virxinia (Mercedes Castro) e o seu marido, Héctor (Antonio Durán Morris), para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma desde fai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración, convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai entre Virxinia e os seus irmáns Vinicio (Xosé Barato), Víctor (Federico Pérez) e a muller deste último, Dora (María Vázquez)”, sinalan dende a compañía.

“A Leituga”, tal e como indica o seu director, Víctor Duplá, “afonda nos temas da dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, ao tempo que reflexiona sobre as relacións familiares, sobre os vínculos e as lealdades dentro das familias”.

Despois do seu exitoso paso por diversos festivais de verán, “A leituga” comeza este venres 28 de setembro, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, unha xira de outono que continuará por Pontevedra (4 de outubro), Tui (5 de outubro), Vimianzo (6 de outubro), Vilagarcía de Arousa (13 de outubro), Vigo (19 e 20 de outubro), Outes (27 de outubro), Viveiro (3 de novembro) e As Pontes (16 de novembro).

Artigos relacionados

Back to top button