EconomíaEconomíaÚltima hora

Drons para combater á vespa velutina

A Deputación colabora coa empresa Aerocámaras nesta iniciativa que utiliza estes aparatos para inxectar unha substancia no interior dos niños que neutraliza o hábitat da raíña
A demostración tivo lugar en Celanova.

A Deputación está a colaborar cunha iniciativa desenvolvida desde Ourense no ámbito medioambiental para a combater á vespa velutina, un insecto invasor que pon en risco a produción apícola, mermando o papel polinizador das abellas, e supón tamén unha ameaza para as persoas. Trátase de atacar por vía aérea, por medio de drons, o niño desta especie inxectando a través dunha pértiga extensible incorporada no aparato aéreo unha substancia no interior do niño que neutraliza o hábitat da vespa raíña e do resto da colmea, provocándolles a morte e impedindo o seu desenvolvemento.

Neste sentido, a Deputación está a colaborar coa empresa Aerocámaras -situada no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas)-, que desenvolve esta técnica, a cal realizou hoxe, 30 de outubro, a primeira proba nun niño situado en Celanova, o cal neutralizou en apenas dez minutos, o tempo que tardou o dron en despegar, aproximarse ao cumio da árbore, despregar a pértiga e inxectar a substancia no interior do niño. Esta actividade levouse a cabo coa colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova, cuxo presidente, José Antonio Pérez, e o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, así como o presidente Deputación, Manuel Baltar, estiveron presentes na actuación. 

Manuel Baltar asegurou que este “é un éxito medioambiental de todos”, e dixo que a Deputación “está na vangarda da formación, cun aula no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, e con espazos para prácticas na contorna do Pazo de Vilamarín, todo elo para contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías con drons, impulsando con Aerocámaras iniciativas das que son exemplos medioambientais a loita contra a vespa velutina ou innovacións aplicadas á detección e extinción de incendios forestais, nas que se está a traballar”.

Pola súa banda, Javier Pereira explicou que a Aerocámaras leva traballando dous anos neste proxecto que hoxe se fixo realidade e cuxa innovación consiste na montaxe dun dron específico para combater a vespa velutina que leva incorporada unha pértiga estabilizada que permite a aproximación á árbore para poder inxectar un líquido no niño, controlando á vez o dron e a pértiga. A vantaxe deste método de acometida aérea é unha mellor accesibilidade, xa que en moitos casos a altura do niño ou no lugar no que se atopa, no medio do bosque, dificultan o poder achegarse a el.

Artigos relacionados

Back to top button