CulturaEducaciónÚltima hora

Dúas alumnas do instituto de Trives en Galiciencia 2015

A feira científica máis grande de Galicia arranca hoxe na Tecnópole, Ourense
Lucía e Selma en Galiciencia.
Lucía e Selma en Galiciencia.

Unha plataforma de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, un bastón robotizado para invidentes ou un espantallo móbil para viñas, son só algúns dos proxectos cos que a Galiciencia celebra este ano o seu décimo aniversario.

Cunha cifra récord de proxectos (23 de colexios da provincia de Ourense, 22 de Pontevedra e 14 da Coruña, aos que se suman 4 de Barcelona e 2 de Biscaia), hoxe 18 de novembro, arranca a edición de 2015 da feira científica, con exposicións e actividades que se desenvolverán ata o día 20 no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).

A Galiciencia chega á súa décima edición cunha oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos máis ampla da súa historia entre os que está o de dúas alumnas do IES Xermán Aconchea Quevedo de A Pobra de Trives. Baixo o título “Desmitificando mitos… Efecto Coriolis”, o proxecto de Lucía Martínez Martínez e Selma Macía Rodríguez consiste en divulgar o concepto do “efecto ou forza de Coriolis”, destacando a súa importancia no reparto do calor por toda a Terra e polo tanto a súa influencia no clima terrestre. As alumnas demostrárono mediante unha experiencia de campo, na que constataron a existencia desa pequena desviación que sofren os corpos cando se moven nunha superficie circular en movemento.

A exposición de proxectos científicos permanecerá aberto en horario de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas. O venres só pola mañá.

Artigos relacionados

Back to top button