CulturaCulturaÚltima hora

Dúas curtas nomeadas aos Premios Goya, a concurso no FIC Vía XIV 2019 de Verín

David Fidalgo, director de "Homomaquia", mantivo un coloquio co público verinés detallando a súa experiencia á hora de filmar a curta

David Fidalgo, compartiu co público de Verín a experiencia rodando a curta. /Foto: FIC Vía XIV.

 

Dende o 30 de novembro e ata o sábado 7 de decembro, proxectaranse 72 pezas audiovisuais no marco do Festival Internacional de Curtas de Verín FIC Vía XIV, entre elas, dúas das nomeadas aos Premios Goya 2020, cuxas candidaturas veñen de ser desveladas . “Isto constitúe unha proba irrefutable da calidade da programación que compón o noso certame” considera Carlos Montero, director do Festival. Unha destas curtas nomeadas aos Goya é Homomaquia, que dá a coñecer un mundo onde os seres humanos son tratados coma estes tratan aos animais, establecendo unha ligazón coa tauromaquia.

O seu director, David Fidalgo, estivo en Verín para compartir co público presente no Auditorio a experiencia de filmar esta curta, que consta de máis de 8.000 debuxos pintados en papel reciclado. “Sentinme inspirado pola proximidade da praza de touros á miña Facultade, en Pontevedra. Podía ver os espectáculos que se montaban no verán e parecíame incrible o ambiente de alegría e festa arredor de algo tan cruel”, declarou o director da curta. A obra de animación é un berro a favor da liberdade e proxéctase na sección “A Raia 3” do FIC Vía XIV. No festival, xa tiveron lugar, con moi boa acollida, tres proxeccións de Homomaquia.

Esta semana proxéctase tamén a concurso Suc de Síndria, dirixida por Irene Moray, que conta tamén cunha nominación aos Goya na categoría de curtas de ficción. A obra conta a historia de Bárabara e Pol, que se van uns días de vacacións, rodeados pola natureza, onde atopan un lugar íntimo onde poderán gozar da súa intimidade, curar vellas feridas e redifinir a súa sexualidade. Suc de Síndria exhíbese na sección “Nova 2” do FIC Vía XIV.

 

Edelmiro Mateo, director da Coral Polifónica de Verín, no Autorio. /Foto: FIC Verín Vía XIV.

 

Cámara e Batuta

Por outra banda, a axenda de actividades paralelas do certame segue a súa marcha con moi boa acollida. O público encheu o recinto do Auditorio para presenciar a iniciativa “Cámara e Batuta”, que propoñía –da man de Edelmiro L. Mateo, director da Coral Polifónica de Verín, unha viaxe a través dalgunhas das bandas sonoras máis recoñecibles da historia do cinema para analizar a evolución na relación entre “dúas artes íntimamente ligadas, como son a música e o cine”.

Mateo fixo un alegato a favor da música na súa intervención sinalando que “é imposible” vivir sen ela. “Está presente en cada momento e, grazas á musica, a humanidade respira distinto”, considerou. A actividade completouse con actuacións da propia Coral de Verín e da Agrupación Instrumental Infantil do Conservatorio da vila, dirixida por Miguel Ángel Guerra.

 

Artigos relacionados

Back to top button