As fusaiolas son obxectos que se coñecen no noroeste xa dende o Megalítico. Trátase de “pezas de diferentes materiais, de forma máis ou menos circular, aplanadas, cunha perforación central, dun diámetro entre 2-10 cm, decoradas ou non”, segundo a definición que Vicente Rodríguez Gracia recolle na publicación sobre a “Peza do mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que neste outubro está dedicada a dúas fusaiolas, modeladas en arxila e decoradas, atopadas nunha das vivendas do Castro de San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín) no 2003.
A presentación desta “Peza do Mes”, que correrá a cargo de Vicente Rodríguez, está prevista para o mércores 9 de outubro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). Nela este investigador falará, entre outras cuestións, da función deste tipo de obxectos, ligados á industria téxtil “protohistórica e histórica”.
A abundancia de fusaiolas nun xacemento indica, segundo este investigador, “abundancia da actividade de fiar”. Usábanse “na parte inferior do fuso, para obter co seu peso unha rotación regular na fía manual. Así a función da peza era equilibrar o fuso (péndulo), manter a velocidade de rotación e soster o fiado”.