CulturaCulturaÚltima hora

Dúas imaxes do Periódico O SIL sobre o sector da castaña, na exposición “Galicia en Foco”

Esta mostra, que recolle as mellores fotografías publicas en medios de comunicación galegos no 2018, pode visitarse na Delegación da Xunta en Lugo

 

Unha das imaxes de Carlos García en “Galicia en Foco”, na que pode verse a membros da Cooperativa Amarelante de Manzaneda, recollendo castañas.

 

Ata o vindeiro 31 de marzo poderá visitarse na Delegación Territorial da Xunta en Lugo a exposición “Galicia en Foco”, unha escolma de medio cento de imaxes que se contan entre as mellores fotografías publicadas en medios de comunicación galegos durante o ano 2018. Entre elas figuran dúas imaxes do fotógrafo Carlos G. Hervella e publicadas no Periódico O SIL nunha reportaxe sobre o sector da castaña, e máis en concreto sobre a Cooperativa Amarelante de Manzaneda, en decembro de 2018.

 

Outra das imaxes de Carlos G. Hervella na mostra.

 

Esta mostra, que corresponde á 28 edición do certame Galicia en Foco (que convoca o Club de Prensa de Ferrol) inaugurábase nesta mañá de venres 6 de marzo e chega a Lugo da man do Grupo Cinematográfico Fonmiñá. A mostra permanecerá exposta no Edificio Administrativo da Xunta ata o día 31 de marzo e pode ser visitada en horario ininterrompido de mañá e tarde de luns a venres -ata as 19.00 horas- e os sábados pola mañá, con entrada libre e gratuíta.

 

Reportaxe publicada no Peiriódico O SIL en decembro de 2018 na que aparecen estas imaxes.

 

As imaxes amosan o acontecer en Galicia ao longo dun ano, retratando aspectos como a cultura, os conflitos sociolaborais ou as tradicións. Na inauguración participaron, entre outros, a delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, a presidenta do club de prensa ferrolán, Xulia Díaz Sixto, e Xulio Xiz e Eduardo Ochoa, presidente e responsable de fotografía de Fonmiñá respectivamente.

Tamén a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que participaba nunha xuntanza de traballo na Delegación Territorial, aproveitou posteriormente para visitar a exposición e intercambiar impresións cos organizadores.

 

Acto inaugural da exposición na Delegación da Xunta en Lugo./ Foto cedida.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button