ConcellosÚltima hora

Dúas valdeorresas (nai e filla) lanzan ‘Silencio, estamos InCrecendo’ un movemento para animar ás mulleres a crer en si mesmas

Petín acolle hoxe o primeiro obradoiro deste proxecto, dirixido a nenos de 4 a 15 anos, onde os participantes poderán confeccionar un agasallo para a súa nai

Entrega simbólica dos primeiros corazóns ‘Silencio, estamos InCrescendo’ na sinatura en Ourense do protocolo de colaboración “Galicia camiño emprendedor – 12 etapas, 12 retos”, ao que InCrescendo Colectivo foi convidada en calidade de participante.

 

Elvira Fernández (nai) e Laura Fernández (filla) son as fundadoras de InCrescendo Colectivo, unha cooperativa que aposta por dinamizar o rural galego poñendo o foco no corazón das persoas. “Inspirándonos no exemplo dos nosos avós, queremos deixar un mundo mellor ás novas xeracións e demostrar que, na sociedade máis tecnolóxica da historia, o amor segue a ser a materia prima dos soños”, explican estas valdeorresas soñadoras de pura cepa que predican co exemplo.

Namórate da túa vida!, o seu programa de crecemento persoal dirixido a mulleres rurais, chegou a un cento de mulleres nas súas edicións virtuais e presenciais nas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña e valeulles a nominación aos XII Premios MOCE convocados pola Fundación Ronsel en colaboración coa Xunta de Galicia en novembro do ano pasado. Paralelamente, o seu proxecto resultou beneficiario dunha das axudas APROL que concede a Consellería de Emprego e Igualdade e acaba de recibir unha bolsa para unha formación en liña dirixida a emprendedoras de todo o mundo en EEUU.

 

Primeira colección ‘Silencio, estamos InCrescendo’ dirixida a nais e fillas, realizada con retais.

 

Malia ás diferenzas xeracionais e aos obstáculos iniciais que conleva un proxecto destas características, acrecentados notablemente en tempos de pandemia, no último ano, Laura (coach) e Elvira (mestra) demostráronse a si mesmas que “é indispensable crer en nós, mesmo se iso supón romper con certas convencións e asumir certos riscos”, porque, no fondo “estamos tan afeitas aos barrotes da inseguridade, da culpa, do medo ou do estrés que fomos herdando de nais a fillas que esquecemos o noso valor”.

Lonxe de pretender “empoderar”, o seu traballo céntrase en axudar ás mulleres a reconectar coa súa sabedoría e forza interior, lembrando que non hai nada máis poderoso que dar vida ou dala polos demais. Ese é, precisamente, o caso de Elvira, quen, logo de estudar maxisterio e dedicar case tres décadas ao coidado familiar, aos seus 61 anos perdera a esperanza de cumprir o seu soño profesional.

Por iso, esta fin de semana, coincidindo co Día da Nai, desexan celebrar a consolidación do seu proxecto co lanzamento do movemento ‘Silencio, estamos InCrescendo’ acompañado da súa primeira colección de corazóns pensados para pendurar na porta e animar a outras mulleres a reservarse un tempo e un espazo para elas mesmas sen sentirse culpables.

 

Laura Fernández (coach) coas participantes de Namórate da túa Vida! na Veiga, en xuño 2021.

 

Con este pequeno xesto, as fundadoras de InCrescendo Colectivo queren facernos “sentir acompañadas no noso crecemento persoal e lembrarnos que, independentemente de cales foran ou sexan as circuntancias, nunca é tarde para crer en nós, sabendo que o compromiso con nós mesmas só pode mellorar a vida dos que están ao noso redor e que é indispensable dar exemplo ás novas xeracións”, aseguran.

E isto é precisamente o que hoxe, de 11:30 a 13 horas na Biblioteca Municipal de Petín, descubrirán @s nen@s de 4 a 15 anos que participen no primeiro obradoiro ‘Silencio, estamos InCrescendo’ onde poderán confeccionar un agasallo para a súa nai inspirado nestes mesmos valores.

Ademais, a inauguración oficial do movemento terá lugar mañá, domingo 1 de maio ás 19 horas nun obradoiro virtual dirixido a aquelas nais e fillas que desexen seguir fortalecendo a súa relación e descubrir o principal segredo que lle permitiu a Laura e Elvira chegar ata aquí.

A inscirición para o obradorio virtual está aberta e pode realizarse a través das redes sociais de InCrescendo Colectivo.

Artigos relacionados

Back to top button