Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

“É difícil crer que neste verán vaia estar operativa a base do helicóptero de Vilanova”

A deputada do BNG por Ourense Noa Presas visitaba esta instalación un mes despois de que o Parlamento galego aprobase por unanimidade unha proposta para reabrila neste verán

Un mes despois de que no Parlamento de Galicia se aprobase por unanimidade unha iniciativa para que neste verán estivera activa a base do helicóptero contra incendios de Vilanova (O Barco), esta instalación segue inoperativa. Así o constaba a deputada autonómica do BNG por Ourense Noa Presas, que presentaba na Cámara galega a citada proposta. Acompañada por representantes do BNG en Valdeorras, visitaba a base barquense na mañá do 14 de xullo e cualificaba, ante os medios de comunicación, de “irresponsables” ao PP e á Xunta de Galicia xa que “non fixeron absolutamente nada. Estamos aquí e non hai obras empezadas, non hai un acondicionamento e, polo tanto, é difícil de crer que neste verán vai estar operativa”.

Neste senso apelaba á que a Administración galega cumpra coa súa responsabilidade e canto antes esta base estea funcionando”. Para Presas esta petición non é un capricho, “senón unha cuestión de seguridade humana, en primeiro lugar, e unha cuestión de seguridade ao respecto do noso patrimonio natural. Todos sabemos que o Distrito XIII e que esta base son absolutamente estratéxicos, xa non só para toda a contorna de Valdeorras, senón tamén para a parte do Macizo Central e para preservar a riqueza en patrimonio natural que temos nesta área con exemplos como o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)”.

Presas tamén lembraba que a Xunta ten outro compromiso pendente con Valdeorras: a motobomba da Rúa. “Hai máis dun mes tamén acordamos no Parlamento galego que se ía dotar a este concello con ela e a día de hoxe non hai nin unha soa noticia sobre isto, entón queremos dicirlle, unha vez máis, á Xunta de Galiza que paren de facer mercadeo coas motobombas e que, por favor, doten a esta comarca antes de que veña un agosto moi quente e teñamos que estar lamentando que, unha vez máis, hai unha morea de incendios dos que non somos quen de responder”.

A intención do BNG é seguir insistindo no Parlamento galego sobre estas dúas cuestións. “E ademais non teremos ningún tipo de problema en plantarnos en Valdeorras e en convidar a todos os veciños e aos axentes sindicais a que se mobilicen. Xa está ben, non se trata de dicir que si no Parlamento porque quedamos ben coa comarca e despois non facer nada e esperar a que pase o verán, no que ademais non hai actividade parlamentaria ordinaria, e quedar en silencio”, aseguraba Presas.

Esta parlamentaria amosábase así mesmo moi crítica co novo plan forestal. “Nós entendemos que o anterior xa se incumpriu, por exemplo en canto a expansión do eucalipto, entón o que non podemos facer é aprobar plans que queden en papel mollado. Hai que ter un debate moito máis rigoroso e profundo sobre o aproveitamento do monte, a multifuncionalidade, e ver que necesidades ten cada zona e volver recuperar unha estrutura de mosaico que nos axude a protexer as comarcas”.

No decurso desta visita, a deputada do BNG mantiña un encontro con simpatizantes tanto en Vilamartín como en Rubiá para coñecer de primeira man as súas problemáticas e necesidades e achegábase ata a Feira do Viño de Valdeorras en Viloira. E, no marco da celebración do vindeiro 25 de xullo, lanzaba unha mensaxe relativa a impulsar o peso de Galicia no conxunto do España. “Agora mesmo estanse movendo moitas cousas no Estado, principalmente pola forza que están tendo Euskadi e Cataluña, e Galiza non pode quedar atrás, non imos quedar en absoluto resignados nin en silencio”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button