En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

“É importante crer que o teu corpo vai loitar, se te centras niso, o organismo loita”

Juan Carlos Pérez, natural de Castiñeiro (Río), vén de recibir a alta, xunto á súa nai, como pacientes de coronavirus no Hospital de Valdeorras. Ambos lanzan unha mensaxe de ánimo e esperanza fronte á enfermidade

Juan Carlos Pérez e a súa nai, Consuelo, tras saír do Hospital de Valdeorras, onte mércores./Foto cedida.

 

Ata 125 pacientes con COVID-19 xa teñen recibido a alta na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Son cifras que van medrando cada día que pasa e detrás delas hai historias de loita contra o coronavirus, de superación e de esperanza.

Entre as últimas altas que se daban no Hospital Público de Valdeorras están a de Juan Carlos Pérez e a da súa nai, que onte saían do centro barquense para regresar á súa aldea, Castiñeiro, no municipio de San Xoán de Río. Aínda están en proceso de recuperación e continúan coa medicación, pero amósanse moi felices por ter logrado saír adiante, aínda que seguen pendentes de que lle dean á alta ao seu pai, que continúa ingresado por unha pneumonía e que foi o único dos tres que deu negativo nas probas do COVID-19.

Todo sucedía en pouco máis dunha semana. Juan Carlos Pérez Rodríguez decidía levar a súa nai ao PAC de Trives por unha urticaria e nesa consulta tamén lle explicaban ao médico que o seu pai estaba un pouco baixo, canso. Ao examínalo, comprobouse que “tiña o osíxeno baixo e foi derivado ao Hospital de Valdeorras, onde lle detectaron unha pneumonía importante”, conta. Ao día seguinte, xoves 2 de abril, era Juan Carlos o que comezaba a atoparse mal, “sentín molestias no peito que nunha antes notara e, dixen, aquí hai algo que non vai ben. Atopábame canso e unha especie de resquemor no peito e na garganta. Cando cheguei ao hospital, dixéronme que tiña pneumonía no pulmón dereito e xa me ingresaron”.

E xa o venres 3 de abril era a súa nai á que era hospitalizada, cun cadro moi parecido, pero con síntomas máis leves. Os tests confirmaban que ambos daban positivo en coronavirus, fronte ao negativo do seu pai.

 

Imaxe tomada tras recibir a alta./ Foto cedida.

 

Juan Carlos recoñece que os catro primeiros días do seu ingreso viviu momentos moi duros. “O peor foi a migraña, era moi forte, foron 96 horas intensas, con malestar… iso era o que me tiña KO. E houbo tres ou catro minutos nos que tiven un baixón, pero levanteime da cama, púxenme a andar pola habitación e convencinme de que isto había sacalo fóra, que había que pasalo. Nese momento tamén recordei un audio que me enviaran días antes en plan broma, no que un galego dicía non quero estar pendente de se me vou infectar ou non, se me teño que infectar, que me infecte xa e que o pase. Iso véuseme á cabeza e fíxome rir e pensar que quería que esta situacion pasase canto antes para regresar á aldea. Iso deume forza”.

E considera que a mente xoga un papel clave. “É importante crer que vais saír disto, que o teu corpo vai loitar e, se te centras niso, o teu organismo faino. É como unha forza interior”. Ademais Juan Carlos destaca, moi agradecido, o labor dos profesionais sanitarios, “hai que crer moito neles, nós puxémonos nas súas mans, e persoalmente creo que en Galicia somos moi afortunados, cunha situación privilexiada. A nós fixéronnos probas de todo tipo, estivemos moi ben atendidos e iso ten que darche moita confianza. O medo non debe aflorar, porque é peor, ao revés, nós mantivémonos moi optimistas e tamén nos axudou moito o feito de que nos últimos días a miña nai e eu estiveramos xuntos”.

Neste senso, ambos lanzan unha mensaxe de ánimo para as persoas que estean agora mesmo pasando o trance da enfermidade, “que teñan fe e moita confianza e forza en si mesmos, hai que pensar que imos saír. Iso é moi importante”, di Consuelo, a nai de Juan Carlos. Ademais, Juan Carlos confirma que as mensaxes de fe da súa tía Mary Carmen, profesora do Barco, déronllle ese plus ultra para coller forzas.

“Sentímonos moi afortunados de que, despois de 6 días, poidamos estar de novo na casa e sen ter entrado nunha UCI. Este virus ten unha alta capacidade de contaxio por iso outra mensaxe que quero mandar é resulta moito máis duro estar ingresado nun hospital que quedarse na casa, así que quedaivos na casa”, explica este veciño de Río.

Vídeo cedido.

 

Artigos relacionados

Back to top button