En portadaEntrevistasÚltima hora

“É moi probable que O Castrillón sexa un poboado da Idade do Ferro e que non fose romanizado”

O arqueólogo Martiño Vázquez, membro de Xeitura, avanza os primeiros resultados da intervención que se vén realizando dende outubro neste xacemento valdeorrés

O arqueólogo de Xeitura S.Coop.Gal, Martiño Xosé Vázquez, no Castrillón.

 

Co paso das semanas, a intervención arqueolóxica que Xeiteura S. Coop. Gal vén desenvolvendo dende outubro no Castrillón (Larouco) vai desvelando a historia deste impresionante xacemento.

Primeiro, a limpeza da zona deixaba á vista ata catro foxos escavados en rocha na zona norte. Agora, coa escavación, acaba de descubrirse unha cabana angular escavada en rocha e “cun anel perimetral para evacuar as augas, que é idéntica á tipoloxía que se emprega no Castro da Saceda, no concello de Cualedro, aos pés da Serra do Larouco”, destaca o arqueólogo Martiño Vázquez.

Ademais, os restos que están aparecendo confirman que foi un lugar habitado e no que ademais, ata o de agora, non se ten detectado cultura material romana, e si castrexa. Polo que os investigadores cren que pode tratarse dun poboado da Idade do Ferro que non chegou a ser romanizado.

Quedan aínda 15 días para finalizar esta primeira actuación arqueolóxica no Castrillón, pero Martiño Vázquez xa destaca o interese e o potencial deste singular xacemento valdeorrés.

– ¿Como valora o desenvolvemento desta intervención arqueolóxica?

O Castrillón coñecíase no lugar, e tamén un pouco no gremio da arqueoloxía, como un xacemento arqueolóxico cun sistema defensivo moi impresionante, de foxos escavados en rocha. Pero as súas pendentes e o pouco espazo chairo que hai dentro del facían que nos plantexásemos serias dúbidas sobre se tivo unha función habitacional ou unha de control estratéxico do territorio, de defensa.

O traballo de roza, de limpeza xa nos permitiu identificar varios recintos dentro do xacemento, que é moito máis grande do que criamos e que se distribúe dunha forma moito máis octogonal, cun urbanismo máis racional, pensado xa para habitar ese espazo coa lóxica de solcalcar esas pendentes. Eses socalcos actúan como terrazas para poder habitar neles.

Entón a actuación combinada de limpeza no sector, xunto coa aparición dunha primeira cabana, apunta a que si que ten unha función habitacional. ¿Durante canto tempo? Iso aínda non o podemos saber.

– ¿Que tipo de material está aparecendo?

Coa limpeza apareceu material en superficie, sobre todo escouras de ferro, que nos falan dunha función produtiva. Tamén aparece argamasa e algunha cerámica que nos indica unha ocupación do lugar e ademais ponnos sobre a pista dun poboado fortificado da Idade do Ferro, pero non romanizado. E isto é fundamental. De momento en toda a prospectiva que fixemos no xacemento non saiu nin un só material romano. E na sondaxe que fixemos na cabana non apareceu cultura material de ningún tipo, agás unha cerámica do tipo borde facetado, moi típica no mundo castrexo. De feito, eu teño localizado este tipo de material noutros xacementos da provincia.

E logo está a tipoloxía construtiva da cabana, escavada en rocha e cun anel perimetral para evacuar as augas. É a mesma tipoloxía usada no Castro da Saceda, aos pés da Serra do Larouco, onde nós escavamos durante moito tempo.

Por iso agora, medio en broma, dicimos que ao final O Castrillón e A Saceda van ter máis en común que o nome de Larouco, polo concello e a serra. A súa cultura material e a arquitectura doméstica parecen ser as mesmas.

 

Cabana de estrutura angular e escavada na rocha, descuberta no Castrillón (Larouco)./ Foto: Xeitura S.Coop.Gal

 

¿Por que é importante a descuberta desta cabana?

A importancia radica en que temos unha certeza, non absoluta pero si cun grao moi alto de probabilidade, de que o xacemento sexa da Idade do Ferro e de que non fose romanizado, un poboado clásico. Tiñamos enriba da mesa outras teorías de que era un xacemento estratéxico altomedieval, tardío, pero, están caendo unha a unha.

¿É habitual que na cultura castrexa se escaven na rocha as cabanas?

Si. Hai que ter en conta que foron os nosos primeiros antergos que deciron de forma permanente quedar nun lugar, nunha aldea. E, a medida que ía crecendo a aldea, normalmente había problemas de espazo. Iso pasa en castros como é o de Santomé en Ourense, na Saceda ou na Armea (Allariz), onde temos que comproba que, en vez de desprazarse, o que fan é directamente rebentar a rocha. Ademais, esa rocha serve para a canteiría da propia construción.

E logo o que se detecta en realidade no Castrillón é que hai unha enxeñería pensando na evacuación das augas para que non entren dentro da cabana. Por iso, fáiselle como un circuíto exterior, a modo de anel perimetral, algo semellante ao que serían os canalóns modernos que temos todos nas casas, pero dun xeito moito máis traballoso, que é picalo na pedra.

– O feito de que non teña sido romanizado é un dato curioso, tendo en conta a proximidade, por exemplo, da Via Nova…

Si, a un lado e a outro da Via Nova emerxen materiais romanos por todos lados. De feito, dende O Castrillón hai control visual de moitos deses lugares romanizados e que conservan materiais romanos. Si que resulta simbólico no sentido de que hai unha avenida principal que emerxe e que ordea o territorio, que é a Via Nova, e todo vaise asentando ao redor dela, entón parece como que O Castrillón quedou a desmán nese momento. O normal sería que se hai unha ocupación romana nel debería despuntar, pero por agora non é así.

Tamén hai que pensar que das varias hectáreas que ocupa todo o poboado, nós escavamos, polo momento, unha sondaxe de 4×4, e nunha zona con moi pouca potencia estratigráfica, entón hai que ir pouco a pouco.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button