Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

“É necesaria unha progresividade nos impostos dos autónomos e das Pemes”

David Bruzos, cabeza de lista de En Marea ao Congreso pola provincia de Ourense nas eleccións do 26X

 

Tras moito tempo implicado en diversos movementos sociais, David Bruzos entraba na política a finais do pasado ano como cabeza de lista de En Marea ao Congreso por Ourense. Nas eleccións do 20 de decembro conseguía facerse cun dos catro escanos da provincia e entraba no Parlamento español. Da súa breve experiencia como deputado ten unha sensación agridoce. “Foron seis meses cun ritmo atroz, tremendamente reconfortantes no traballo feito, pero ao mesmo moi frustrantes porque finalmente non conseguimos chegar a formar un goberno”, asegura.

Agora está inmerso nas súas segundas eleccións xerais, nunha campaña que considera diferente á do 20D e que de novo o está a levar pola provincia. Na tarde do 15 de xuño participaba nun acto no Barco, tras o cal respondía ás preguntas do Periódico O Sil.

 

David Bruzo, número un de En Marea por Ourense ao Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.
David Bruzo, número un de En Marea por Ourense ao Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Que fai diferente a esta campaña da dos comicios do 20 de decembro?

A nivel programático é certo que hai poucas cousas que cambiar, sen embargo, dende a perspectiva da estratexia política pola que optou cada partido nestes seis meses a campaña é totalmente diferente. No 20 de decembro tiñamos unha especie de folla en branco onde podíamos ver o historial de cada organización e cales eran as súas propostas de futuro, pero logo viuse que foi o que plasmou cada organización nestes seis meses. Neste senso, nós pensamos que imos cos deberes perfectamente feitos. Amosamos de forma honesta e transparente cal era a nosa postura: un goberno de cambio de políticas, de medidas. Por iso pensamos que nestas eleccións do 26 de xuño partimos dunha situación favorable no que respecta ao resultado electoral.

 

Existen unha serie de problemáticas que afectan de xeito especial á provincia de Ourense como son o avellentamento, a despoboación, a falta de oportunidades, sobre todo no medio rural, ¿cales son as principais propostas que con respecto a isto se plantexan no programa de En Marea?

Hai unha serie de medidas que como van a ser tomadas de forma estatal seguramente non faga falta incidir nelas como é o famoso salario mínimo interprofesional, necesario para que as familias poidan vivir dignamente e para que, dalgún xeito, activen a economía. Especificamente en Ourense temos dúas cuestións fundamentais. Unha delas é que contamos cun colectivo de autónomos e de pequenas e medianas empresas (Pemes) que sustentan a economía provincial. É certo que tamén hai un número importante de persoal funcionario, pero os autónomos e as Pemes son as que están levando a cabo en realidade a creación de emprego e o fomento da economía local. É necesario que haxa unha progresividade nos seus impostos, non pode ser que pague o mesmo por un imposto de sociedades un autónomo que factura 3.000 euros ao mes, que alguén que factura 300.000, iso non pode suceder. De feito no artigo 31 da Constitución pon moi claramente que os impostos deben ser progresivos e xustos, na realidade simplemente hai que aplicalo. En segundo lugar, temos sectores produtivos que están nunha situación esquelética por varios motivos, entre eles que a xente que ten iniciativa non ten acceso á financiación para poder sacar un proxecto adiante e porque teñen un montón de trabas. Hai que acabar con todas elas, débense darse facilidades. Ten que haber unha exención na taxa de paro de autónomos, financiación a través dunha banca pública…

 

David Bruzo, nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.
David Bruzo, nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ourense é unha provincia cunhas producións de calidade, con diversas denominacións de orixe, ¿cal é a postura de En Marea sobre as negociacións de acordos como o TTIP?

Hai unha oposición frontal ao TTIP, ao TISA e ao CETA precisamente no que afecta ao comercio local, ás pequenas explotacións e ás denominacións de orixe, iso por unha banda. Pero logo é certo que hai moita lexislación a nivel estatal, que limita moito ás explotacións na nosa provincia, por exemplo, no ámbito agrícola. Hai normativa estatal que determina os requisitos mínimos para a instalación, por exemplo, dunha conserveira. Claro se hai unha familia aquí que cultiva unha horta e que ve que ten excedente durante varios anos consecutivos e que os perde, pois cabe na cabeza de todo o mundo que se monta unha conserveira non só aproveita ese produto de horta, senón que ademais xera valor engadido porque é unha industria de transformación. Para iso tamén precisamos que a nivel estatal se regule que eses requisitos mínimos sexan máis pequenos, porque na nosa provincia non hai grandísimas explotacións. Entón si que hai medidas concretas que podemos adaptar a na lexislación estatal para que provincialmente haxa máis xente con oportunidade para ter un emprego.

¿Como valoran o papel de sectores extractivos como o da lousa, de gran peso no só no ámbito provincial, senón tamén a nivel galego?

Efectivamente a comarca de Valdeorras ten unha actividade económica tremenda para a provincia, unha aportación ao PIB a nivel provincial moi importante e hai que darlle apoio. É certo que aquí temos varios puntos: débese favorecer o emprego, que a xente traballe en condicións dignas e para iso hai que apoiar a nivel gubernamental; pero tamén debe terse moito coidado coas repercusións ambientais desa extracción. Polo tanto, pensamos que hai que apoiar aos traballadores do sector, pero tamén ser moi esixentes cos empresarios para que cumpran estritamente coa lexislación.

O candidato de En Marea, durante a súa intervención no acto celebrado no Barco o 15 de xuño./ Foto: Carlos G. Hervella.
O candidato de En Marea, durante a súa intervención no acto celebrado no Barco o 15 de xuño./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Cal e a postura de En Marea sobre o proxecto da autovía A-76?

Temos perfectamente claro que a comunicación de toda a zona leste da provincia de Ourense, tanto coa Meseta como co resto de Galicia, ten que ser unha prioridade absoluta. Ás veces se nos bota en cara que votamos en contra dunha proposta que fixo o PP e o PSOE. Nós non votamos en contra da mellora das comunicacións, senón dun proxecto moi concreto do PP cuns custes económicos elevadísimos e que se carga tres partes de patrimonio natural da comarca. Queremos que sexa un proxecto o máis participativo posible con toda a cidadanía e que entre dentro dunha nova proposta das infraestruturas da provincia. Iso implica a mellora das comunicacións a nivel de transporte público e tamén no transporte privado. Xuntémonos unha colectiva conxunta, vexamos cales son as implicacións a nivel ecolóxico e económico e cales son as necesidades da xente. E a partires de aí fagamos unha proposta.

¿Como valora  a aplicación da Lei de racionalización da Administración local?

É tremendamente evidente que as institucións que están máis cercanas á cidadanía son as que deberían ter precisamente máis poder para poder xestionar os recursos, porque son, ao final, as que coñecen máis claramente cales son as necesidades da súa poboación. Entendemos que moitas veces o que fai o PP é o proceso contrario, que é máis control para uns poucos e ter a todas as institucións atadas; nós pensamos exactamente no camiño contrario. Debe haber un apoio e unha confianza en todas as institucións e as institucións municipais teñen que contar con recursos para poder atallar as necesidades da xente.

Artigos relacionados

Back to top button