ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“É un libro de historia, unha investigación obxectiva de datos e documentos”

Isidro García Tato presentaba o seu novo libro “El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio” no Barco na tarde do 21 de xaneiro

Entre setembro de 1942 e xullo de 1944. Este é o período temporal no que estivo en funcionamento o destacamento penal das minas de wolfram de Casaio (Carballeda de Valdeorras). No que foi e significou este destacamento centra o seu último libro o historiador valdeorrés Isidro García Tato. Presentábao na tarde do 21 de xaneiro no multiusos do Barco nun acto organizado polo Instituto de de Estudios Valdeorreses (IEV) e no que tamén interviñan o presidente desta entidade, Aurelio Blanco, Pablo Otero Piñeyro Maseda e Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, ambos do Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”; e o autor do libro.

Aurelio Blanco Trincado abría a presentación destacando que malia que García Tato conta cuns 40 libros publicados, “El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio” vai ser “sen dúbida a súa nena mimada”. De seguido, cedía á palabra a Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director do Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, quen lembraba a primeira vez que daba unha conferencia en Valdeorras, hai xa 28 anos, e aludía á relación especial que mantida co IEV ao longo dese tempo. Asemade explicaba o organigrama e o labor que desenvolve o Centro de Investigacións Científicas (CSIC) a nivel estatal, ao que pertence o Instituto “Padre Sarmiento” e outros catro centros galegos.

Tamén interviña Pablo Otero Piñeyro para comentar como é o proceso que se segue á hora de incluír un traballo nas publicacións do Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, entidade que editou o libro do autor valdeorrés. E incidía en que a “rigurosidade, a solvencia e o impacto deste libro está fóra de toda dúbida”.

O acto, que reunía a numeroso público, completábase coa intervención de Isidro García Tato, quen contaba a xénese deste traballo, que se remonta xa ao ano 2001, durante unha estadía en Ourense para estar cun familiar hospitalizado. Alí no Arquivo Histórico Provincial comezou a indagar, a revisar e a investigar unha serie de documentos sobre o destacamento penal de Casaio.

Iniciaba así un proxecto levado a cabo “con entusiasmo e sen ningún tipo de axuda económica” que, anos despois, deu lugar a este libro. Trátase dunha obra “de historia, dunha investigación obxectiva e impersoal de datos e documentos. A historia elabórase con documentos, onde non hai documentos, non hai historia”, resaltaba García Tato. Ademais facía un percorrido polos contidos deste amplo traballo, de case 800 páxinas.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button