EntrevistasÚltima hora

“É un orgullo que Arcos se encha de xente na Festa Coveira”

Carlos López é membro da Asociación de Coveiros de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) e propietario da “Cova do López”

Carlos López Gudiña é membro da Asociación de Coveiros de Arcos (Vilamartín de Valdeorras), a cal organiza a Festa Coveira que o vindeiro sábado 13 de xullo celebra a súa sexta edición. Ademais, é propietario dunha delas, a “Cova do López”.

 

Carlos López na súa cova.

 

Cantas covas se van abrir nesta VI edición da Festa Coveira?

Vamos abrir 10 covas. A cova López-Pérez, a do Pablo Israel, aínda que a van abrir outras persoas; a do López, que é a miña; a das Trigarizas, a do Juan, a do José Luís, a do Bautista, a do Vázquez e a do Agustín. Ademais, dentro do recinto imos ter un DJ para a xente máis nova.

Por que se pon un aforo de 1 000 entradas?

Para que non haxa un gran número de persoas e a xente que veña poida andar un pouco desafogada, que non se tropecen uns cos outros. O principal obxectivo é que non se faga unha aglomeración de xente.

Hai algunha novidade nos pinchos deste ano?

Coma todos os anos, haberá uns pinchos comúns para todas as covas e a partir de aí cada unha pon uns pinchos á parte. Por exemplo, nalgunha pode haber ensalada de pasta, ovos recheos, orella… Ademais, haberá panceta á grella no medio da festa.

 

 

Que destacaría da vosa Festa Coveira?

Eu como defensor de Arcos diría que é a mellor, pero diría que é unha zona de gran beleza, que está todo moi limpo, que está acondicionado para a festa…Pero sobre todo destacaría a unión de todos os que formamos a Asociación de Coveiros.

Cantas persoas forman a Asociación de Coveiros de Arcos?

Seremos unhas 15 persoas entre os que abrimos este ano e algún que non abra por diversas cuestións.

Que supuxo a Festa Coveira para o pobo de Arcos?

A orixe destas covas é algo singular, xa que nun principio a xente que era dos pobos do lado, casi non sabía que había covas en Arcos, e agora, cando veñen, moitos din que temos unha riqueza enorme. Non se coñecían as covas de Arcos ata que comezamos a facer esta festa. É por iso que os veciños do pobo están encantados, é un orgullo que Arcos se encha de xente.

Con canto tempo de antelación se prepara unha festa como esta?

Cando rematamos unha edición, facemos as contas e xa se está pensando no ano que vén, pero o forte ven máis ou menos 2 meses antes, porque xa tes que empezar co cartel, coa publicidade, co que se pon de comer, etc. A nosa Festa Coveira sempre é o segundo sábado de xullo, polo tanto en maio comezamos de cheo cos preparativos.

Como xurdiu Don Godellín?

Comezou anos antes nunha celebración do meu aniversario cos amigos. Empezamos a dicir de broma que había que facer un santo para sacalo polas covas. Ao final escribimos nun pano os que nos comprometiamos a correr cos gastos e acabamolo facendo. Despois acabouse herdando para a Festa Coveira, pero nun principio a súa finalidade era para cando fosemos de aniversario.

Que lle diría a alguén que nunca fóra á Festa Coveira?

Pois eu dirialle que viñera e que non llo contaran. Se queda contento que volva, e se non queda contento dicirlle que nós sentimolo pero que sempre o intentamos facer o mellor posible.

Texto: Alba Prada

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button