EntrevistasÚltima hora

” ‘Ten’ é un remexido de 10 anos de vivencias”

O gaiteiro Daniel Bellón estrea novo traballo xunto a Diego Maceiras
O gaiteiro Daniel Bellón, nun descanso do curso que impartía en Castro Caldelas en abril./ Foto: Carlos G. Hervella.
O gaiteiro Daniel Bellón, nun descanso do curso que impartía en Castro Caldelas en abril./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tradición e innovación conxúganse de xeito exquisito na música de Daniel Bellón. Malia á súa xuventude, este gaiteiro e saxofonista de Fene (A Coruña), posúe un dos curriculums máis sobresaíntes da música tradicional galega. No 2005 formaba un dúo con Diego Maceiras (acordeón). Dende entón teñen actuado en escenarios de boa parte do mundo e publicado varios álbumes nos que fusionan a tradición galega con outros ritmos. O seu último disco, que saía hai uns meses, é Ten 10. “Estase vendendo bastante e recibindo boas críticas, polo tanto a acollida é moi boa. En xuño comezaremos a movernos con el polos escenarios, estaremos no Folk Segovia, en Coruña e Santiago…”, adianta Bellón.

Ademais de tocar, encántalle ensinar. Por iso, tamén con Maceiras, creaba no 2010 unha escola de música en Fene. “Estamos centrados máis ben na música tradicional, pero tamén na moderna, con jazz, rock…”. Ao mesmo tempo móvese dentro e fóra de Galicia con cursos como o que impartía en abril no castelo de Castro Caldelas.

¿Como é Ten 10, o novo disco de Bellón&Maceiras?
É un disco recompilatorio pero con pezas novas. Recompilatorio de vivencias, con xente que pasou pola formación, na que tocamos a quinteto moito tempo e mesmo a sexteto… Despois hai temas só dos dous, pezas con colaboradores de fóra…. Recolle as nosas vivencias nestes dez anos con composicións propias, temas arranxados, estética de jazz, de tango, de música tradicional… É un remexido desta década, por iso é un disco especial.

¿E o título?
É un xogo de palabras. Ten en inglés de dez anos, pero tamén en galego porque o disco Ten dez pezas. É algo que pensei hai tempo, quería unha palabra galega, pero á vez que nos servise cando imos tocar fóra.

¿É complicado entrar noutros estilos sen desvirtuar a tradición?
Non se o fas con respecto e sabendo que o primeiro é a tradición e a gaita galega. Eu sempre tiven claro que era o primeiro e ademais está o tema de non tratar de enganar á xente, se lle dis o que fas, non hai problema. É complicado tecnicamente, iso si, pero podes facer esa música con voz galega, que a gaita soe a galego e iso permite que sexa especial, con ela podes tocar calquera cousa.

¿O publico entende iso?
Si, sobre todo fóra, en Escocia, Irlanda… Os músicos galegos somos moitísimo máis versátiles que os deses lugares, eles só fan o seu ¡e nós temos un abano tan grande! O folk galego está agora mesmo na vangarda mundial seguro. O público nun principio quédase pensando estou escoitando unha gaita tocando un libertango de Astor Piazzolla, pero despois valórao moitísimo.

¿Esa potencialidade estase aproveitando hoxe ou polo contrario vaise por vías máis comerciais?
Hai de todo. Cos gaiteiros que comparten profesión comigo lévome moi ben e cada un de nós temos a nosa parceliña, o noso público. Creo que é necesario o punto comercial, o punto máis irlandés, o punto máis de fusión, como facemos nós por exemplo; o punto máis tradicional… Entre todos estamos dando unha boa visión para fóra do que se pode facer. Despois, claro, hai outras cabezas moitísimo máis visibles que teñen que facer cousas máis comerciais, pero tamén de grandísima calidade. Temos moita sorte cos representantes que hai por aí circulando.

¿Como se vive o mundo da gaita en Galicia en comparación con Bretaña ou Irlanda?
Eles aprecian moito máis o seu, sempre. Sen embargo, na Bretaña a súa gaita tradicional está practicamente olvidada e fan a súa música con gaita escocesa. En Irlanda houbo outros problemas, eles inventaron a uilleann pipe (unha gaita para tocar sentado) e iso valórano moitísimo, tamén a cultura popular, os nenos poden meterse nas jam session, os festivais tamén están moi ben considerados… Nós en Galicia temos algo moi bo: que o noso instrumento está intacto e penso que é a gaita máis evolucionada que hai xunto coa uilleann pipe, pero non lle damos valor. Nós tocamos máis fóra de Galicia que aquí, entón temos esa asignatura pendente. Todo o mundo coñece as gaitas, as melodías; sen embargo falta educación nun par de xeracións polo menos para valorar iso.

¿Que opinas a realidade da gaita na provincia de Ourense?
Aquí houbo un lío con ese mundo da gaita marcial, que eu rexeito totalmente. Non podes enganar, e moito menos aos nenos, hai que contarlles a verdade sobre cómo é a túa gaita, a túa cultura… E aínda por riba se o fas con cartos públicos é un problema maior. A figura do gaiteiro é unha figura de tocar, solista ou cuarteto, é unha formación natural. Polo demais, en Ourense hai unha escola, un potencial de rapaces e de xente moi boa.

Na provincia había moita tradición e referencias como Os Trintas…
Si, pero xurdiron cuestións que cambiaron todo iso. Os Trintas son unha referencia de sempre para todos nós, no norte de Galicia. Iso non se pode olvidar, de feito eu traballo moitísimo con material dos Trintas porque me parece un xeito superorixinal de tocar, é a gaita para o baile, ademais como festa, como espectáculo diría incluso…

¿Como ves o futuro da música galega?
Uff! Pola experiencia da gaita en concreto, teño que dicir que moi ben. Non falo de número de xente, pero cada vez os nenos veñen cunha mentalidade máis limpa que a que eu tiña cando comecei. Non teñen ningún tipo de tabúes, tocan a gaita simplemente porque lles gusta, ademais de ser tradicional… Descubrir iso é mellor que que cho digan. Nós empezamos a tocar porque era o instrumento de aquí, e iso é xenial, pero se de primeiras sendo un neno xa tocas porque che gusta… ¡iso é unha marabilla! Eses expoñentes van ser un bo caldo de cultivo para ter un bo futuro na música galega.

 

Texto: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button