En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A edición máis exitosa das Covas de Seadur

Este singular roteiro por antigas adegas escavadas na rocha desenvolvíase na tarde e noite do sábado 15 de abril

Cunca en man, unhas 1.500 persoas percorrían na tarde e noite do Sábado Santo as 17 adegas do circuíto festivo das Covas de Seadur (Larouco). Viños (godellos e mencías), unha variada e suculenta gama de pinchos, xunto cun ambiente único enmarcado nas antigas adegas escavadas séculos atrás en rocha e animado pola música facían desta celebración todo un éxito.

Ao redor das nove da noite xa practicamente estaban esgotadas as entradas e seguía chegando máis xente. Destacaba o gran número de persoas procedentes dende a comarca trivesa, con ata catro autobuses, pero tamén doutras zonas como Castro Caldelas, outros puntos de Valdeorras e mesmo dende fóra de Galicia.

As covas abrían entre as seis e media da tarde e as dez da noite a unha multitude de persoas que convertían esta edición na de máis participación das quince que se levan celebrado. A música e o baile enchían as rúas das covas. Música de formacións como a valdeorresa “Ouruxobruxo” e da charanga Nova Terras de Trives, pero tamén outras formacións que de xeito improvisado se sumaban á festa poñéndolle o seu propio son.

Dende a organización, en mans da Asociación As Covas de Seadur, fan unha valoración moi positiva desta edición que concluía de madrugada ao ritmo do Dj Anima Fiestas. Ademais agradecen a participación das numerosas persoas que se achegaron ata Seadur e o bo ambiente creado.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button