EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Edilberto Rodríguez, o último pastor da aldea leonesa de Pombriego

Este mozo segue mantendo viva a tradición de pasar os tres meses estivais co seu rabaño de cabras na serra

Edilberto Rodríguez, na serra de Pombriego (Benuza, León), co seu rabaño de cabras./ Foto cedida.

 

Cando chega o verán, o seu gando cambia os prados polos pastos frescos de montaña. De xuño a setembro, Edilberto Rodríguez sube co seu rabaño de cen cabras do país ata a serra de Pombriego (Benuza, León), nos lindes coa provincia de Ourense. É o último pastor da contorna que mantén viva esta tradición inmemorial. Ao longo de tres meses, vive nos denominados “corrales de Arganeo”, unhas antigas construcións de montaña, de forma cadrada, para gardar o gando en altura.

“Aquí era costume subir co gando á serra, hai moitísimos corrais e todos teñen dono. Están todos xuntos como se fose unha aldea. Eu teño cinco arranxados. Aquí é un pouco máis escravo pastorear, hai que estar pendente das cabras, porque por aquí anda o lobo, e non poden estar soas, hai que durmir tamén aquí con elas”, comenta.

Nestas semanas, a máis de mil metros de altura, a única compaña deste xove gandeiro é a res, os seus cans e os animais do monte. “A soidade sempre é complicada, pero hoxendía co móbil a situación é mellor e teño a radio posta. Nesta zona entran emisoras galegas, xa que nesta zona cóllese de fronte o que é A Medua (Carballeda de Valdeorras), San Xusto… Aínda así, este mozo de 23 anos, non cambiaría por nada a súa profesión de pastor.

“Dende neno tiña claro que quería dedicarme a isto, non era unha segunda opción. É algo que vivín dende pequeno, na casa, e a miña ilusión sempre foi ter un rabaño. É certo que marchei estudar, pero volvín e dende hai 3 anos teño o meu propio rabaño, estou moi contento”, comenta.

Anos atrás, en Pombriego había moitos pastores, hoxe Edilberto é o único que vai á serra nesta aldea duns 70 habitantes. “Trato de baixar cada oito días por provisións e tamén para ver xente, en toda esta contorna non hai máis rabaño que o meu”. Recoñece que ser gandeiro é duro, sobre todo cando se traballa só nunha explotación. “Hai que traballar moito para non ganar demasiado. Eu nunca coñecín un pastor rico, aínda que teñas moito capital. Ademais os prezos baixaron moitísimo”, comenta sorrindo, “pero isto dá moitas satisfaccións se che gusta, vives á túa maneira, non hai xefes e tes toda a liberdade que queiras”.

 

Os “corrales de Arganeo”, onde tradicionalmente se gardaba o gando nesta serra leonesa moi próxima á provincia de Ourense./ Foto cedida.

 

Ademais agradece o apoio dos veciños. “Teño unha moi boa relación con eles, sempre me quixeron moitísimo”, destaca Edilberto Rodríguez. E lamenta que un desacordo coa directiva da xunta veciñal lle impida pastorear dende hai dous anos nos montes do seu pobo, o que o obrigou a “ter que arrendar o monte noutra aldea e en Pombriego recurrir ao pasto nas fincas particulares dos veciños”.

A súa intención é continuar e aumentar o seu rabaño para chegar, polo menos, a 250 cabezas. “Eu quero dedicarme a isto e con 100 cabras cubres gastos, pero non se vive”. E xa ten en proxecto unha nave máis grande para acoller a res durante a noite no inverno.

O seu é un exemplo de aposta polo rural, pero recoñece que os comezos dunha explotación son difíciles e que deberían darse máis facilidades para que a mocidade non fuxa do campo. “O primeiro sería un cambio de mentalidade e un apoio cara os gandeiros xa que aínda hai moita xente que pensa que aquel que se queda no rural con gando ou no agro é porque non valeu para nada máis e non é así. Hai xente moi competente que optou por quedarse, ¿e por que non o van facer?”, di Edilberto Rodríguez.

 

Este mozo pastor, coa súas cabras.

 

Tamén pide un maior respaldo das institucións e que “transixan un pouco, que entendan onde estás, na montaña, que non tes as mesmas facilidades e tramitar un papel que unha persoa que viva na cidade. Para ir a Ponferrada a presentar un papel boto unha hora, é dicir, perdo a mañá. Eu estou só e teño que deixar o gando na cuadra. Faría falta un pouco máis de comprensión, que as persoas que fan as leis se poñan no lugar dos gandeiros, que ademais facemos limpamos os montes”.

Pese a iso, este pastor non se arrepinte en absoluto de ter escollido o mundo da gandería. “Volvería a facelo”, di con rotundidade. É tamén un namorado da cultura popular e musical da súa zona e, de feito, está á fronte da Asociación Aires de Cabrera. “Somos un pobo moi unido e estamos recuperando as tradicións”, conta. Escolleu quedarse na súa aldea e “seguir dedicándome ao gando”, conclúe.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button