Monográfico Entroido 2012Monográficos

Editorial: Un ritual de lume

O noso Entroido convértese en dinamizador económico a través do turismo. Apoiémolo!
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O Entroido tradicional é unha complexa e rica expresión cultural que nos vencella cos nosos antergos e que se reaviva cada ano na recta final do inverno. É o tempo da inversión, dos enmascaramentos, do son e da música, das bromas e xantares colectivos…

Esta celebración, considerada en moitas localidades da provincia como a principal festa do ano, está formada por un mosaico de rituais que se abren e pechan co lume. Este elemento marcaba nas antigas sociedades rurais, segundo algúns autores, o inicio dun “período de Caos creador e xerador de vida”, xustamente no tránsito do inverno a primavera.

As primeiras saídas do folión dende as Candeas anunciaban xa a proximidade do Entroido. Dentro desta efémera paréntese temporal, longamente agardada durante ano, conxúganse as linguaxes plásticas, teatrais e rítmicas das máscaras e os folións, coas danzas, as fareladas, os xogos das olas, as representacións satírico-burlescas en versos… Este entramado de ceremoniais culminaba tamén no lume, coa queima do Entroido ou meco, un boneco que simbolizaba o espírito da festa.

Así o analizamos na reportaxe coa que abrimos este monográfico de Entroido 2012 no que nos achegamos aos epicentros desta celebración tradicional que fai vibrar á provincia de Ourense. Afondamos nas peculiaridades e atractivos desta festa tradicional en localidades como Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda, Laza, Verín ou Xinzo de Limia, entre outras.

Nesta aproximación, non só adiantamos os actos e programas da festa, senón que imos máis aló e contamos en primeira persoa, a través dunha serie de entrevistas, como viven e senten esta celebración tan emblemática os seus protagonistas.

Ademais, un ano máis incluimos seis artigos de opinión de colaboradores que analizan dende diferentes puntos de vista está antiga festa de inverno. Dende estas liñas queremos expresarlle a todos eles o noso agradecemento.

Tampouco nos esquecemos neste especial do Carnaval de corte máis moderno de vilas como O Barco, A Rúa, Ribadavia ou a cidade de Ourense, entre outras.

Cada Entroido supón unha invitación a mergullarnos na riqueza e singularidade dos ancestrais rituais que aínda perviven na provincia de Ourense. Unha invitación a descubrir o valor das nosas tradicións, pero tamén para coñecelas de preto, mantelas e transmitilas. E para iso tan só hai que meterse dentro desta festa que conquista a rúa, desfrutala e sentila. Opcións non faltan, tan só hai que contaxiarse dela e deixarse levar. ¡Bo Entroido!

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button