ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Eduardo Ojea, mestre da ribeira

Artigo escrito por Xabier Roo Abril tras o falecemento do barquense Eduardo Ojea Dacal

Eduardo Ojea Dacal, cunha troita do río Sil en 1967./ Imaxe xentileza de Gustavo Docampo.

 

Partiu o derradeiro carpinteiro da ribeira do Sil, o meu benquerido Mestre Eduardo. Amoréanse agora as lembranzas, todas boísimas, daqueles obradoiros de construción de lanchas tradicionais (2001-2003) que lle devolveron as cores -aínda que fose por un tempo limitado- e a ledicia ao noso río e que tan felices nos fixeron, antes e despois de botalas á auga. Mais, sen deixar de ser interesante, aquilo foi o comezo de algo máis grande: achegounos á figura dun home próximo, afábel, paciente sen límite, dotado pra a conversa e o bo humor, que non dubidaba en compartir e espallar.

Agarimoso cos novos, comprensivo cos menos hábiles ou inexpertos, mostrouse decidido e entusiasta cando argallamos de formar unha asociación (A Figueiriña-Lanchas do Sil -e na elección dese microtopónimo fluvial tamén se notou a súa man-) que lle dese continuidade ao que acababa de xurdir entre as ferramentas e as táboas, nos baixos do pavillón de Calabagueiros.

Unha confesión moi persoal: realmente o que procurabamos era que non se apagase aquel facho de amizade, de felicidade, que prendera á calor do Mestre Ojea. E axiña foron chegando ás primeiras actividades, viaxes pra aprender, pra coñecer o que estaban a facer outros colectivos relacionados coa cultura fluvial. E de aí á colaboración en varios proxectos, con Barcas do Minho, de Chantada, onde o bo de Anxo Moure tece os seus Contos Solidarios. Ou con Barcos do Norte, de Viana do Castelo, canda o amigo João Baptista, que nos permitiu descubrir o coidado e a beleza das embarcacións dos nosos veciños de alén Miño no encontro “O Carocho”, cunha organización perfecta, modélica.  A visita ao Concello de Lugo coas nosas barcas do Sil ao carrelo, onde probamos a arte da navegación á vara no batuxo e tomamos nota das características dos caneiros lucenses. Ou a colaboración co Concello de Monforte de Lemos pra a recuperación das súas barcas no río Cabe.

 

Eduardo Ojea, martelo en man, no obradoiro de barcas da Asociación A Figueiriña a comezos da década do 2000./ Foto: Xabier Roo.

 

Todo isto coa participación directa e baixo a atenta ollada do Mestre Eduardo. Polo medio aínda houbo tempo pra nos integrar na Federación Galega pola Cultura Marítima, á que lle alargamos horizontes co novo apelido “e Fluvial”. Chegaría despois, polas Festas do Cristo, a Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, coa devolución da visita dos colectivos antes citados, e outra proposta que nos consta que lle fixo especial ilusión ao noso querido mestre, a Exposición de Artes Tradicionais de Pesca no Sil, e que contou coa participación fundamental do Eduardo tanto pra recompilar toda a información necesaria como pra achegar boa parte dos aparellos e materiais expostos na Casa da Cultura do Barco.

Pensaba o Mestre, e nós con el, que todo aquel caudal de coñecemento sobre unha das nosas expresións culturais máis xenuínas, artellada ao redor do río -talvez a que máis nos singulariza como pobo- ben merecía un lugar pra a súa mostra permanente. O tempo, teimudo compañeiro do río, foi pasando devagar mais ese espazo (casa, aula, museo…) destinado a acoller a ricaz cultura fluvial aínda non chegou.

 

Outra imaxe de Eduardo Ojea no obradoiro de barcas da Asociación A Figueiriña, a comezos da década do 2000./ Foto: Xabier Roo.

 

Non hai moito tiven ocasión de publicar, neste mesmo medio (Especial O Cristo 2021), unha colaboración sobre os procedementos de pesca tradicionais do noso río centrándome, de xeito específico, nas coñecidas como “artes de enmallado” ou “de rede”. Pra iso botei man das miñas vellas anotacións e apuntamentos, xurdidas en grande parte dalgunha entrevista e outras conversas máis informais co prezado Eduardo. Días máis tarde, ralvadas xa esas datas festivas, atopeime co seu fillo Potolo nun escenario tan ribeirego como O Malecón. Alí me contou como nunha recente visita á casa de seu pai aproveitara pra lerlle o texto do meu artigo no xornal e como o Mestre, entre aparello e aparello e a descrición dos diferentes xeitos de pesca asentía coa cabeza e, co seu permanente sorriso, daba a súa aprobación: “Exacto! Efectivamente, así era”.

 

Eduardo Ojea Dacal./ Foto: Raúl Álvarez.

 

Recoñezo aquí que me conmoveu moito e que me encheu de agrado aquela declaración. Nada podía resultar máis gratificante que unha persoa tan querida e respectada, coñecedor como poucos dos segredos e habilidades ancestrais da pesca no vello Sil revivise aquelas experiencias a través das miñas palabras, vertidas nun papel. Efectivamente, así foi, benquerido Mestre, porque era vostede mesmo, a Voz do Río, quen falaba!

Boa navegación, Eduardo. As miñas beizóns, Mestre!

Texto: Xabier Roo Abril
Valdeorras, 25 de novembro 2021 (cando os peixes se xuntan “amoados” nos pozos máis fondos e as troitas xa han estar preparando “o fregón”).

Artigos relacionados

Back to top button