CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Educación apraza as oposicións docentes para o 2021 e “blinda” as prazas ofertadas

Na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento galego, a conselleira insistiu en que "non se debe descartar unha volta ás aulas se as condicións sanitarias o permiten, atendendo non só a criterios académicos senón de benestar emocional"

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional Carmen Pomar, na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento.

 

As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ao vindeiro ano 2021. Así o anunciaba a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional na mañá deste mércores 22 de abril, na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación motivada pola pandemia do COVID-19.

“Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, sinalou Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”, engadiu, o que leva á Consellería a tomar a decisión de adiar as probas ao vindeiro ano.

Segundo informou Pomar, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas, xa que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do Estado de Alarma, se activará a inscrición nas probas de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, incidiu.

Por outra banda a conselleira tamén incidiu en que, unha semana despois da Conferencia Sectorial de Educación, a Consellería segue á espera de que o Ministerio asuma as súas competencias e publique a normativa correspondente á organización do último trimestre para poder darlle respostas á comunidade educativa galega. Ante a indefinición do Goberno central, o departamento educativo da Xunta de Galicia remitiu a semana pasada unhas orientacións provisionais aos centros para que continúen co traballo non presencial e garantir así que todo o alumnado estea atendido. A conselleira insistiu tamén en que “non se debe descartar unha volta ás aulas se as condicións sanitarias o permiten, atendendo non só a criterios académicos senón de benestar emocional”.

E en canto ao curso universitario, Carmen Pomar deu conta do contacto permanente cos reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia para coordinación de cuestións relativas ao ámbito académico e ao investigador. Froito deste diálogo, e sempre respectando o principio de autonomía das universidades, cómpre subliñar “o acordo para o peche do curso en modo non presencial, e, sobre todo, as instrucións para asegurar a calidade da docencia non presencial ata o remate do curso”.

 

Artigos relacionados

Back to top button