OurenseÚltima hora

Educación inviste 470.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética do colexio de Seixalbo

As obras faranse durante o verán e contemplan outras actuacións como a substitución de falsos teitos, pintado das zonas interiores e exteriores e a revisión da instalación eléctrica
Luz Fernández, Marisol Díaz e Jesús Vázquez.

O CEIP de Seixalbo recibiu hoxe, 14 de marzo, a visita da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Este é un dos centros educativos nos que durante o verán se executarán varias actuacións para a eficiencia enerxética. Ademais, tamén se levarán a cabo outras actuación para manter a calidade e mellorar o edificio educativo emprazado no núcleo rural de Seixalbo.

Na súa visita ao centro, Díaz Mouteira e Vázquez Abad estiveron acompañados na súa visita pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández. Os tres coñeceron polo miúdo os traballos de mellora que se van realizar e que en total contarán cun investimento de preto de 470.000 euros.

En concreto, no centro de Seixalbo, Educación apostou pola eficiencia enerxética e executara un proxecto financiado polos fondos europeos Feder. Así, procederase ao illamento da fachada, da cuberta e da caixa de persianas, así como a substitución das fiestras que aínda non foran cambiadas. Ademais, levarase a cabo a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns.

Ademais, aproveitando a realización destas obras de eficiencia enerxética, executaranse outras actuacións cun orzamento próximo a 70.000 euros, que consistirán na substitución de falsos teitos, a reparación e o pintado de zonas interiores e exteriores, así como a revisión da instalación eléctrica.

Segundo Marisol Díaz, estas obras “demostran o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade escolar co fin de que este redunde nunha maior calidade das instalacións educativas”. Proximamente licitaranse as obras de mellora que se farán durante o período das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que podan estar rematadas cara ao inicio do próximo curso escolar.

Os políticos tiveron oportunidade de falar co alumnado na súa visita.

Artigos relacionados

Back to top button