CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“A educación pública funciona, demostrouse”

O valdeorrés Chere, coordinador do libro Leo Galego, que vén de ver a luz e no que traballaron alumnos de 6 centros
O profesor e creador valdeorrés Gerardo Rodríguez “Chere”, traballando no mural de cerámica de Sargadelos do IES de Vilagarcía con varios alumnos./ Foto cedida por Chere.
O profesor e creador valdeorrés Gerardo Rodríguez “Chere”, traballando no mural de cerámica de Sargadelos do IES de Vilagarcía con varios alumnos./ Foto cedida por Chere.

Ir ata a lúa, dar viravoltas cun monopatín, ollar as estrelas ou facer maxia. En galego pode facerse de todo. E así o demostra o protagonista de Leo Galego, un conto infantil ilustrado que acaba de editarse. É o resultado dun proxecto educativo que implicaba no curso pasado a seis centros de ensino galegos baixo a coordinación do profesor valdeorrés Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”, de quen tamén partía a idea. “Quería facer algo diferente e busquei colaboración de amigos e profesores do centro no que estaba o ano pasado, o IES Espiñeira de Boiro. Fumos dándolle voltas e aí foi fraguándose a historia. Comezamos pedíndolle aos nenos de varios colexios que pensasen en tres desexos e que os debuxasen. Uns pedían xoguetes, outros xogar máis co seu pai, outros ser millonarios, outros vivir nun piso… E fumos descubrindo que os cativos retrataban a súa realidade, foi como un estudo sociolóxico”.

Xuntaron preto de 300 debuxos, dos que fixeron unha escolma. “As ilustracións de Leo Galego non son os debuxos orixinais dos nenos, senón ideas que eles aportaron e que nós refixemos con axuda dun debuxante que nos veu dar uns cursos. Traballamos con diferentes formatos, técnicas e materiais: uns a base de fotografía, outros con acuarela, con plastilina, etc.”, continúa Chere.
No conxunto do proxecto participaron nenos de primaria, de secundaria e de ciclos formativos. “Coordinamos isto dende Boiro e o libro acabouse de imprimir en Ferrol, pero traballouse dende Pontevedra, Porto do Son, Ribeira, Vilagarcía, Vilaboa… Logramos que traballasen xuntos moitos nenos de centros distintos, de diversas idades e de diferentes provincias. Iso quizais sexa o máis importante, coa colaboración do alumnado e do profesorado de primaria, secundaria e ciclos puidose editar un conto para nenos de 5 a 8 anos e con actividades. Isto demostra que, colaborando e aproveitando os recursos, a educación pública funciona”, asegura Chere.

Portada do conto infantil Leo Galego, no que participaron seis centros de ensino galegos./ Foto cedida por Chere.
Portada do conto infantil Leo Galego, no que participaron seis centros de ensino galegos./ Foto cedida por Chere.

Este libro pretende ademais fomentar o uso do galego, amosando que nesta lingua pódese vivir e facer todo tipo de cousas. O proxecto contaba asemade co respaldo da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dos concellos de Boiro e Vilagarcía, así como das direccións dos centros e de numerosos voluntarios. A todos eles Chere agradécelles o seu apoio. A idea é ademais presentar o libro (cunha tiraxe de 400 exemplares) no vindeiro mes de maio, coincindindo cos actos das Letras Galegas. Non sairá á venda, pero si se distribuirá nas bibliotecas dos colexios públicos das provincias de Coruña e Pontevedra.
E mentres esta iniciativa do pasado curso ía materializándose, neste, Chere encetaba outro proxecto: dous mosaicos xigantes feitos con cerámica de Sargadelos.

O máis grande, de 120 m2 está no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa e o outro, de 21 m2, no IES Espiñeira de Boiro. “É unha escultura xigante en dous espazos cuxo nexo de unión temático é a ría de Arousa, onde están os dous centros. Estamos recreando escenas mariñeiras e incluímos poesía. Usamos cerámica de Sargadelos e tamén cerámica normal. Creo que é a primeira vez que se fai algo deste tipo utilizando restos de vaixelas, de cerámica, pratos, tazas… Traballamos con voluntarios e con nenos ¡e vés unha implicación e un desborde de ideas impresionante!”, destaca Chere, que conta nesta aventura coa axuda do seu irmán Manuel, arquitecto, “que nos axuda a traballar con estes materiais, a como poñer a cerámica…”.

Nesta iniciativa este profesor barquense conseguíu involucrar non só á comunidade educativa de ambos institutos, senón tamén aos concellos, “que nos facilitaron andamios, cubos, paletas… e despois están participando pais, alumnos, persoal da limpeza, da cafetería, de dirección… Intentaremos que participe todo o pobo”. O de Boiro xa o remataron e a idea é concluír o de Vilgarcía neste curso.

Texto: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button