Educación ultima as obras de mellora enerxética no CEIP de Seixalbo e no CPI Antonio Faílde de Coles

Entre os traballos realizados ao abeiro deste plan de mellora supuxeron un custo de 790.000 euros á administración galega

Visita ao colexio de Seixalbo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé rematar este mes as obras de mellora enerxética que se veñen executando dende outubro de 2017 no CPI Antonio Faílde (Coles) e do CEIP de Seixalbo (Ourense) por un importe de máis de 790.000 euros cofinanfiados con fondos FEDER.

Así o anunciou hoxe, 11 de xaneiro, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, nunha visita a un destes centros escolares, concretamente ao CEIP de Seixalbo, acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e da xefa territorial do departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez, Luz Fernández. Díaz Mouteira explicou que estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puso en marcha en 2016 en todo Galicia e que continuará no presente exercicio con actuacións en outros dous centros escolares da provincia: no CEIP Plurilingüe de Ribadavia e no CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia.

Os traballos realizados consistiron principalmente no illamento da fachada e da cuberta; a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; cambio das fiestras que aínda non foran cambiadas ; substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; revisión do sistema de calefacción; e a reparación e pintado de paramentos interiores e de portas interiores e caixas de persianas. Ademais, aproveitouse para executar outras actuacións dirixidas á mellora funcional do centro escolar como a renovación da rede xeral de distribución da fontanería interior e a rehabilitación de vestiarios do ximnasio. Estas obras supuxeron un investimento de máis de 361.000 euros.

Marisol Díaz explicou que estas actuacións enmárcanse dentro da liña da Consellería de Cultura e Educación de acondicionar e renovar os centros públicos de toda Galicia de xeito que o alumnado conte cunhas instalacións axeitadas para o correcto desenvolvemento da actividade educativa.

“Ademais, con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europea 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas”, indicou a delegada territorial. Díaz Mouteira engadiu que co investimento en actuacións enerxética e mellora funcional nos centros, que este ano cífrase en 4,5 millóns de euros para toda Galicia e arredor de 800.000 nos centros ourensáns, búscase un aforro enerxético (cun menor custo derivado do consumo de luz e calefacción) e contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible.

Á visita acudiron Marisol Díaz, Luz Fernández e Jesús Vázquez.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies