CulturaCulturaÚltima hora

Eilún del Pazo, gañadora e finalista do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

A gala de entrega dos premios celebrarase o 16 de outubro en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras)

Presentación da gañadora do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, en Vilamartín. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Trala última reunión telemática celebrada onte, o xurado do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán decidía conceder o galardón ao poema Da memoria do Mencía, de Eilún del Pazo Moa de Vigo.

O nome da gañadora desta terceira edición do premio dábase a coñecer na tarde deste 29 de setembro por parte da directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez, nun acto ao que tamén asistía o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez, o presidente do IEV Aurelio Álvarez e o concelleiro de Petín Amancio Díaz.

Débora explicou que dos 136 textos presentados ao concurso, aceptáronse como participantes 121, “dos 15 restantes foros desbotados 2 por presentarse fóra de prazo e o resto por non aterse ás normas indicadas nas bases así como por non corrixir os erros unha vez notificados”.

 

Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Os cinco textos finalistas son: Eu fun meteorito, de Maurizio Polsinelli; Papas, de María Comesaña Besteiro; Escila, de Arancha Rodríguez Fernández, finalista deste premio por segunda vez; Da memoria do Mencía de Eilún del Pazo Moa; e Destecedoira, tamén de Eilún. “Igual que na primeira edición, o gañador é tamén finalista con outro texto”, puntualizou Débora, especialmente agradecida cos membros do xurado polo arduo traballo que levaron a cabo.

Tal como explicou o alcalde de Vilamartín, os premios entregaranse nunha  gala que terá lugar o sábado 16 de outubro ás 12:30 horas na Aira dos Bolos, en Córgomo. Contará coa presenza dos membros do xurado, dos finalistas e da gañadora do premio, e estará conducida por Sergio Losada Macías, membro do antigo grupo de teatro Pisabarros de Veigamuíños. Tamén contará coa actuación de Sr. Jingles que estreará unha nova versión dun texto de Florencio Delgado Gurriarán. “O 16 de outubro a música e a poesía regresarán a Córgomo”, remataba Enrique Álvarez.

Artigos relacionados

Back to top button